Graciela Paz Bermúdez: "Os liques son moi bos indicadores da calidade do bosque"

A investigadora da Universidade de Vigo estará o próximo 6 de abril á cabeza dun paseo ás beiras do Eume como parte das xornadas micolóxicas. A pontesa aterrará na localidade ben disposta a dar a coñecer os liques, uns organismos que define como "fascinantes"
Graciela Paz Bermúdez. EP
photo_camera Graciela Paz Bermúdez. EP

É investigadora na Universidade de Vigo, pero o seu corazón está sempre na súa terra natal, As Pontes. E foi por iso polo que a bióloga Graciela Paz Bermúdez aceptou sen dubidar a proposta de realizar unha ruta didáctica polas beiras do Eume co gallo das xornadas Terra de Cogomelos. Alí aterrará —e nunca mellor dito— o próximo 6 de abril, lupa en man e disposta a dar a coñecer os liques, uns microorganismos tan descoñecidos coma "fascinantes".

Primeiro de nada, podería explicar que son os liques?

Os liques son uns microorganismos, para min, fascinantes. Xorden da unión dun fungo e dunha alga e a partir de aí, fórmase un novo individuo. Moita xente non o sabe, pero actúan como moi bos indicadores da calidade do bosque, da contaminación, etc.

Existe un gran descoñecemento arredor destos microorganismos, non é certo?

Si. Son uns grandes descoñecidos, xa que adoitan confundirse con musgos. Ambos son moi típicos nas codias das árbores e nas rochas, pero a pouco que te fixes un poco, xa podes decatarte de que son organismos diferentes.

Entón, como poden diferenciarse?

Pola súa estrutura. Os musgos son verdes e teñen follas pequenas. Porén, os liques adoptan diferentes formas, cores e poden ter láminas máis ou menos espalladas. 

Cal é a importancia dos liques nun ecosistema como que se atopa ás beiras do río Eume?

Xogan un papel moi importante no ciclo da auga. Se eliminásemos os liques provocaríase un impacto moi grande na humidade do ambiente e, polo tanto, afectaría a outros organismos como fungos ou bacterias. Tamén influiría nas cadeas tróficas como, por exemplo, na alimentación das aves. Está todo relacionado.

Tamén teñen outro tipo de aplicacións ben curiosas.

Unha das aplicacións clásicas que o ser humano lle deu aos liques foi o seu uso para tinguir roupa. Hai outro, ademais, que adoita ser bastante descoñecido. En Galicia existen liques moi comúns que se empregan na industria do perfume: non teñen olor, pero serven para fixar moi ben os aromas.

Como se interesou por este mundo? Foi por vocación?

O certo é que sempre me gustou moito o mundo da botánica e das plantas. Estudei Bioloxía e fixen a miña tese sobre os liques da man da experta Regina Carballal. Fascinoume ese mundo e por aí decidín seguir. Malia que fixen estancias en Portugal e Reino Unido, agora realizo labores de investigación e docencia na Universidade de Vigo.

E chegoulle a oportunidade de regresar á súa terra natal da man das xornadas Terra de Cogomelos. Que pode adiantar da ruta?

O sábado 6 de abril faremos unha ruta polas beiras do Eume co obxectivo de que a a xente aprenda a recoñecer os liques e a súa importancia no medio natural. Comezará sobre as 10.00 horas e ao longo dunhas tres horas visitaremos a contorna do parque da Fraga e o encoro da Ribeira.

Quen pode anotarse?

Está dirixida a público adulto fundamentalmente. Quen queira participar pode solicitar información ao teléfono 604.04.73.37 ou ao correo [email protected]

Que recomenda levar á saída?

Unha lupa común que se teña pola casa. Se te achegas con unha á codia dunha árbore, descubrirás todo un universo!

Que opinión lle merecen as xornadas e as festas micolóxicas?

Todo o que sexa a divulgación sobre o medio natural paréceme fantástico. Por iso, e ao ser eu das Pontes, non dubidei cando me fixeron a proposta de participar.

Comentarios