González Formoso aplaude o plan de Reganosa e EDP para As Pontes

González Formoso. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera González Formoso. VICTORIA RODRÍGUEZ

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, considera "positivo" o proxecto de alianza anunciada pola gasista galega Reganosa e a enerxética portuguesa EDP para investir 780 millóns de euros. A iniciativa, que prevé construír dunha planta de hidróxeno e unha central hidroeléctrica de bombeo e outras infraestruturas, súmase aos proxectos anunciados pola enerxética Endesa, que prevé pechar a súa planta térmica nese municipio.

Nun comunicado, o tamén presidente da Deputación da Coruña sinala que ese proxecto de Reganosa e EDP é para As Pontes, para a comarca e para Galicia unha "constatación" de que "foi durante moitos anos unha referencia en xeración de enerxía convencional". Agora "segue sendo un punto estratéxico no novo modelo enerxético da Unión Europea e do Estado" español, recalca e engade que de confirmarse ese novo proxecto "suporía converter esta vila nunha referencia nacional".

En todo caso, González Formoso instou a que os proxectos sobre "almacenamento e dixitalización da capacidade enerxética do sistema eléctrico" se "concreten en realidades". 

O alcalde pontés puntualizou que a localidade apoiará os que "adquiran compromisos irrenunciables", entre os que citou o dos "afectados pola descarbonización". Así, aludiu aos "empregados directos e indirectos da central térmica e os transportistas do carbón" que resultarán afectados por ese cambio.

Igualmente, reivindica "o compromiso co talento e o coñecemento da nosa mocidade para que non teña que emigrar" e coa sustentabilidade e o respecto ao medio ambiente. Finalmente, exhorta a desenvolver "a tecnoloxía de almacenamento e a dixitalización da enerxía como fórmula de garantir a eficiencia dunha materia prima vital para o noso modelo social".

Comentarios