
Cada primeiro e terceiro sábado de mes, o Campo da Feira de Gontán cobra vida. O que no día a día é un lugar cheo de paz e de tranquilidade, no que os veciños se saúdan polo nome, convértese nun ir e vir de xentes reunidas por aquilo que motiva o nome do lugar, a feira. E de entre todas, se hai unha que ten sona dende hai séculos, esa é a Feira de Santos, o primeiro sábado de novembro.
A esta convocatoria uníuselle outra, tamén en sábado, nas vésperas do Entroido, Expogrelo, para pór en valor o ouro verde do municipio abadinés. E é tamén dende este mesmo Campo da Feira dende donde se apostou por xuntar tradición e moderninade coa venda online de grelos, que este ano viaxaron dende Gontán a toda España.
O Campo da Feira experimentou un profundo cambio de imaxe nos últimos anos, no que se acondicionou por completo en varias fases. Melloráronse as dúas antigas naves, habilitouse un novo edificio para os servizos veterinarios, acondicionáronse a fonte e o lavadoiro —ao pé do río Labrada— públicos e tamén os camiños, eses polos que é habitual, pandemia mediante, bater con algún deses moitos camiñantes que dirixen os seus pasos cara a Compostela pola Ruta Norte, aproveitando o albergue de Gontán para facer un alto.
O núcleo Gontán, aó que se chega desviándose dende a N-634 e collendo a Avenida de Galicia, xunto á nova casa do concello, repártese entre tres parroquias, Abadín, Quende e Fraiás.
Camiño Norte
En 2007, o Xacobeo abría en Gontán o terceiro albergue da comarca. Habilitouse na vella escola, con 26 prazas. Ao seu carón hai un cruceiro, obra dos Carboeira.
Capela
Ao pé do Campo da Feira hai unha capela na honra da Virxe de Fátima, un inmoble que antigamente chegou a usarse como almacén de sal.