jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

Gontán acolle unha multitude no seu gran día

Celsa Balsa recoge su premio.M. ROCA
Celsa Balsa recoge su premio. M. ROCA
Centos de persoas acudiron á primeira Feira de Santos tras o covid-19, chea de postos de todo tipo e con máis de 400 animais

"A xente está desexosa de saír, está contenta de que volva haber feira". é a valoración que realizaban desde o Concello de Abadín xa ben avanzada a xornada grande de Gontán, que recuperou o sábado a súa tradicional Feira de Santos tras o parón obrigado de 2020 a consecuencia da situación sanitaria derivada da pandemia do covid-19.

E é que se o sábado había algo claro, é que se volveu a reunir nesta pequena localidade por centos de persoas chegadas de distintos puntos da xeografía galega, así como decenas e decenas de postos que esgotaron o espazo para os vendedores tanto no propio recinto feiral como na rúa de acceso a Gontán desde Nacional 634, xa que os postos chegaban ata o novo consistorio.

Axudada por unhas magníficas condicións meteorolóxicas, a marea humana foi unha constante durante toda a mañá polas rúas que albergaban os postos de roupa, calzado, ferramentas, roupa ou alimentación, pero non chegou a haber aglomeracións importantes, senón que o tránsito foi fluído.

"Creo que a feira foi un éxito. Recoñezo que lle tiña algo de medo, non sabía como ía saír, pero a resposta da xente foi moi boa", recoñeceu o alcalde de Abadín, José María López Rancaño, satisfeito por poder celebrar de novo a gran cita anual do concello.

Colas no polbo, rebumbio xunto ás churrerías, vendedores que enchían bolsas con castañas ou noces e moita atracción na zona dedicada ao gando, que volveu ocupar a nave habitual, unha carpa e outros dous espazos a maiores. Aínda que nesta edición contabilizáronse menos reses que outros anos, as cifras non foron nada desdeñables e superáronse as 400 cabezas, destacando as case 200 que acudiron entre equinos e asnos.

GALARDÓNS. No regreso da Feira de Santos de Gontán tampouco podía faltar o tradicional concurso promovido polo Concello no que se premian os mellores exemplares que acoden a esta cita. En total, repartíronse 700 euros en premios –sete recoñecementos dotados con 100 euros cada un–, entre os gandeiros con máis animais e as reses de maior calidade.

O premio para o participante con maior número de reses vacúas foi para Rocío García Seijo, mentres que o que levou máis cabalos, con 20 exemplares, foi Manuel Rego.

O mellor cabalo de cadeira foi o de Jonathan Seco e o mellor exemplar equino de cadeira do concello foi o de Félix Falcón. José Hermida recibiu o galardón pola mellor egua e entregáronse tres premios aos mellores poldros, que recaeron en exemplares de Celsa Balsa, José Ramón Ares e Manuel Seijo.

Gontán acolle unha multitude no seu gran día
comentarios