martes. 19.11.2019 |
El tiempo
martes. 19.11.2019
El tiempo

Goente capea o mal tempo con sabor

Asistentes á XI Feira do Queixo e do Mel de Goente. MARTA MANCEBO
Asistentes á XI Feira do Queixo e do Mel de Goente. MARTA MANCEBO
Decenas de visitantes asistiron a unha nova edición da Feira do Queixo e do Mel cargada de actividades e saborosas degustacións

Nin a baixada das temperaturas nin a choiva intermitente. Nada conseguiu embazar a undécima edición da Feira do Queixo e do Mel celebrada este domingo na parroquia pontesa de Goente, un pequeno recuncho que se volveu a encher de xente, pero sobre todo de moito sabor.

Postos da XI Feira do Queixo e do Mel en Goente. MARTA MANCEBOUnha trintena de expositores, que se repartiron baixo unha inmensa carpa instalada para a ocasión, puxeron á venda diferentes artigos de alimentación e artesanía que fixeron as delicias dos visitantes, que non dubidaron en levar para casa algúns deses produtos elaborados artesanalmente.

Ademais, ao longo da xornada celebráronse entretidos talleres de cestería e de elaboración de queixos, estes últimos dirixidos aos máis pequenos da casa, que puideron aprender paso a paso a elaboralos para despois saborealos. Durante toda a mañá, houbo tamén degustacións con propostas gastronómicas nas que se puxeron en valor os produtos desta feira, o queixo e o mel, pero tamén outras razas autóctonas como o porco celta ou a cachena.

"Queremos que sexa unha feira participativa, que os visitantes poidan coñecer os produtores e ver as posibilidades de emprendemento que hai no rural", explicou a concelleira de turismo, Elena López, quen se mostrou "encantada" co numeroso público que se achegou a Goente.

Tamén estaban contentos na Casa do Mel. "Para o día que fixo non podemos pedir máis. Houbo moita xente e as vendas funcionaron bastante ben", explicou o seu presidente, Manuel Ferreira, confirmando que esta é xa "unha feira máis que consolidada" no calendario festivo da localidade.

A cita, que se prolongou tamén durante a sesión de tarde, clausurouse cun espectáculo de malabares e teatro, a cargo da compañía Kandengue Arts, e coa entrega de diplomas aos mellores meles que concorreron na duodécima cata promovida dentro das XX Xornadas Apícolas do Eume.

En total presentáronse 34 mostras. Na categoría de meles claros, o xurado outorgou unha mención especial ao produtor Jesús Fernández Doce, de Valdoviño, mentres que o primeiro premio recaeu en María Dolores Lage, por unha mostra colleitada en Viveiro.

Esta apicultora fixo dobrete, xa que tamén conquistou os padais dos membros do xurado na categoría de meles escuros, onde levou o primeiro premio por un produto recollido en Muras.

Ademais, César Castro Piñón levou outro recoñecemento por un mel de Ourol e Iván Díaz Souto, unha mención especial pola súa mostra colleitada en Vilalba.

Goente capea o mal tempo con sabor
Comentarios