O Goberno recalca que a central das Pontes "non vai pechar"

O conselleiro de Economía acusa o Executivo de crear unha "incerteza inxustificada"
 

Vista aérea de la central de As Pontes. AEP
photo_camera Vista aérea da central das Pontes. AEP

O delegado do Goberno en Galicia, Abel Losada, fixo este venres fincapé en que a central térmica das Pontes "non vai pechar", como tampouco o farán todas as que se axusten á política enerxética europea.

Losada lanzou unha mensaxe de "tranquilidade" ao alcalde, veciños e empresas que traballan nas Pontes no sentido de que a central térmica "vai seguir aberta", aínda que non concretou ata cando.

O secretario de Estado de Enerxía, José Domínguez, afirmaba este xoves que se prevé o peche, en xuño de 2020, de nove das catorce centrais térmicas de España, entre elas a de Meirama, e que os cinco restantes, incluída a das Pontes, tampouco "seguirán activas máis aló de 2030" porque "o mercado levará a que suceda" iso.

En declaracións aos medios en Vigo tras asistir ao acto de inicio das obras da estación Vialia, Losada subliñou que o Goberno central non pretende pechar ningunha central térmica, senón de que se cumpran as directivas europeas sobre política enerxética que "ata agora non estaban vixentes en España".

"As Pontes cumpre coa normativa e está a facer uns investimentos importantes para seguir cumpríndoas nos próximos anos", aseverou o delegado do Goberno.

Preguntado sobre a central de Meirama, contestou que "o que ten que facer a empresa -en alusión a Naturgy- é actuar conforme ao que marca a lexislación vixente".

Naturgy tería que investir ao redor de cen millóns de euros na central térmica para, con este investimento, adecuala á normativa europea de emisións de xofre, óxido de nitróxeno e partículas contaminantes.

No caso de Endesa, propietaria da central das Pontes, comprometeuse en marzo deste mesmo ano a investir sobre 220 millóns de euros para adaptar a central das Pontes aos estándares ambientais comunitarios. 

"INCERTEZA". O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, manifestou que o Goberno está "a xerar unha incerteza inxustificada" respecto ao peche anunciado polo Executivo das centrais de Meirama e As Pontes se non cumpren a directiva europea de emisións industriais. 

E é que, para o titular de Economía, isto "só" pode "levar á destrución de emprego e a un custo enerxético máis elevado", así como a unha "perda de competitividade" do tecido industrial en Galicia. 

Comentarios