O Goberno galego comprométese a pór en valor a Torre de Caldaloba

A directora xeral de Patrimonio anunciou que este ano haberá consignación orzamentaria para iniciar o proxecto. O Concello negocia coa propiedade unha cesión de uso ou unha venda
Castosa, con la directora xeral de Patrimonio en Caldaloba. EP
photo_camera Castosa, coa directora xeral de Patrimonio en Caldaloba. EP

A Xunta comprométese á posta en valor da Torre de Caldaloba, tal e como anunciou a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez, nunha visita que realizou estes días a Cospeito, onde comunicou que este ano haberá unha consignación orzamentaria para facer o proxecto e empezar a desenvolvelo.

O rexedor de Cospeito, Armando Castosa, mostrouse "moi satisfeito" con este "compromiso definitivo" do Goberno galego que, ao fin, poderá desbloquear a situación dun inmoble declarado BIC en 1994 e recoñecido como Patrimonio Nacional.

"Por culpa da pandemia atrasouse todo un pouco", indica o rexedor de Cospeito, que recorda que hai aproximadamente un ano reuniuse coa directora xeral de Patrimonio e acordaron enviar a técnicos para estudar o estado actual da torre e as posibles intervencións.

"A semana pasada realizaron a visita que estaba prevista, e contando co apoio do propio conselleiro, mostráronnos o compromiso da Xunta para avanzar na posta en valor definitiva da torre e de todo o enclave", indicou o rexedor, que explicou que o seguinte paso será conseguir un acordo coa propiedade, que se divide actualmente entre dúas persoas, aínda que unha é a que ten a maior parte.

As negociacións coa propiedade, tal e como explicou o alcalde, pasan cesión de uso a 15 ou 20 anos ou unha venda, aínda que non se descarta se non se pecha un acordo de compra pronto poder iniciar un plan de xestión coa cesión de uso para ir acometendo as intervencións mentres continúen as negociacións.

"Esperamos que ao longo do próximo mes haxa unha decisión tomada xa para poder ir avanzando", indica Castosa, que asegura que hai unha posición común por ambas as partes. "Levamos moito tempo falando e hai unha predisposición boa", dixo, á vez que indicou que o convenio estaría aberto a todas as administracións. "Para o Concello afrontar a compra ao 100% vai ser difícil e a Xunta a través de Patrimonio non pode, pero estamos a explorar outras posibilidades e vías de financiamento, onde poderían entrar outras administracións", concluíu.

PROXECTO. A idea inicial para a posta en valor inclúe o proxecto para intervir no propio inmoble, sen actuacións agresivas, así como nos terreos onde se sitúa. "O obxectivo sería recrear como era o interior da torre fai 500 anos, conseguir que se poida acceder aos distintos pisos que había e chegar todo o máis alto da torre", describe o rexedor de Cospeito.

No exterior, indica Castosa, o obxectivo sería crear "un parque temático" con paneis explicativos e divulgativos para explicar o sistema defensivo dos fosos e contrafosos e a propia torre para "pór en valor toda esa historia", onde tamén se poderían facer, di, "estudos arqueolóxicos da zona".
 

Un símbolo que se deteriora

a Torre de Caldaloba é un símbolo de Cospeito —está integrada no escudo— e na historia. Din que foi o último reduto onde a nobreza galega ofreceu resistencia contra a política centralizadora dos Reis Católicos, pero, e a pesar de que se fixo unha consolidación no ano 2000, entrou na lista vermella do patrimonio e moitos colectivos esixen unha actuación.

Características
Está asentada nunha roca e defendida por catro profundos fosos concéntricos. Ten planta cadrada e uns 20 metros de altura. A parte superior estaba coroada por almenas e o interior contaba con catro plantas.

 

Comentarios