A Garda Civil detén a tres homes relacionados con sete roubos con forza na Chaira

O material recuperado foi entregado aos seus propietarios e os arrestados foron postos a disposición xudicial

Axentes da Garda Civil detiveron a tres cidadáns romaneses no lugar do Santo, no municipio de Vilalba, logo de sorprendelos cando, supostamente, estaban a perpetrar un roubo con forza nas cousas.

Esas detencións deron lugar ao comezo dunha investigación policial que permitiu verificar que os tres arrestados forman parte dunha banda organizada, asentada na comarca da Chaira desde "hai meses", que se dedicaba a cometer "roubos con forza".

Esa banda ocultaba os efectos roubados nun piso situado no centro urbano de Vilalba, onde supostamente teñen o seu domicilio cinco cidadáns de nacionalidade romanesa.

Tras realizar un rexistro nesa vivenda, recuperáronse "numerosos efectos" procedentes dos citados roubos, ademais de achar diversos "medios utilizados para cometer supostamente ilícitos penais".

A Garda Civil dá por esclarecidos dous roubos perpetrados nun comercio de Rábade, outros tres en locais de hostalería na comarca e os asaltos a varios institutos e colexios de Vilalba.

O material recuperado foi entregado aos seus propietarios e os detidos foron postos a disposición xudicial.