Decenas de gandeiros galegos concentrábanse este mediodía ás portas da planta de envasado que a multinacional francesa Lactalis ten en Vilalba para reclamar unha subida do prezo do leite en orixe que cubra "unha subida de custos de produción sen precedentes", segundo informou o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa UU AA, Félix Porto, aos medios de comunicación.
Porto, que tomou a palabra nesta concentración, convocada por de Unións Agrarias, á que se sumaron outras organizacións como a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) e o Sindicato Labrego Galego (SLG), dixo que "esta situación non ten precedentes" polo encarecemento dos custos.
Ademais, augurou que o prezo de determinadas materias primas necesarias para a produción nas granxas, "como abonos ou fertilizantes", pode seguir incrementándose "a medio prazo", probablemente "nos primeiros meses do próximo ano", e tampouco hai síntomas que fagan pensar nunha baixada do recibo da luz ou dos carburantes. "Cada vez estréitase máis a posibilidade de que as granxas deste país poidan facer rendible a súa actividade", insistiu o portavoz sindical, porque os gandeiros son incapaces de repercutir no prezo do leite esa subida "do 26%" rexistrada nos últimos meses nos custos de produción, o que levou ás explotacións a perder diñeiro.
Porto instou as industrias lácteas "a cumprir a Lei da Cadea Alimentaria", que determina que "ningún elo da mesma pode vender por baixo de custos de produción". Recordou que as industrias lácteas xa están a gozar de incremento de prezo por parte da distribución, así como da subida de cotización de produtos como a manteiga ou o leite en po, pero "mentres ven como se incrementa a súa conta de resultados", deixan cada vez máis "indefenso" ao sector produtor.
Segundo o portavoz sindical, esta situación está detrás do peche de 381 granxas en Galicia no último ano —entre setembro de 2020 e setembro de 2021—, de modo que neste momento quedan na comunidade autónoma "menos de 6.500 explotacións -6.476-", que constitúen a base dun "sector estratéxico" para a nosa economía.
En canto á decisión de iniciar as mobilizacións ante a sede de Lactalis, afirmou que se trata dunha das "empresas con maior cota de mercado no estado español", de modo que as súas decisións marcan en certa medida o devir do mesmo. Tamén aclarou que a oferta de subida que lle fixo aos seus produtores, "dun céntimo de euro en litro", é "ridícula" e incluso "roza o insulto".
Pola súa banda, Juan Pérez, da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), explicou que a posición predominante desta industria no sector provoca que "calquera movemento que faga esta empresa trasládese inmediatamente ao resto da industria". Asaga afirma que "os gandeiros de leite en Galicia e en España seguen coa auga ao pescozo".
"Os múltiples custos que deben afrontar para coidar ás súas vacas disparáronse nos últimos meses, e o prezo que obteñen polo leite non lles permite obter a mínima rendibilidade necesaria para seguir adiante". "Por todo iso, está a producirse un peche masivo de granxas lácteas", subliña esta organización agraria.
"O obxectivo das protestas é esixir ás industrias lácteas e á gran distribución que recoñezan a subida de custos e deixen de presionar e afogar" ao primeiro elo da cadea", engade.