Un gandeiro acepta dous anos de cárcere por explotación laboral

O acusado, veciño da Pastoriza, empregou durante oito meses a un traballador de orixe marroquí sen dalo de alta nin facerlle contrato

Un veciño da Pastoriza e responsable dunha explotación gandeira no municipio aceptou este luns dous anos de cárcere e 1.440 euros de multa por un caso de explotación laboral tras alcanzar unha conformidade coa outra parte no Penal número 2 de Lugo.

Os feitos remóntanse ao mes de xuño do ano 2015 cando o acusado empregou a un traballador de nacionalidade marroquí "cando se atopaba en España sen permiso de residencia nin de traballo", comprometéndose a regularizar a súa situación e pagarlle 500 euros ao mes, ademais da vivenda e a manutención.

"O acusado, coñecendo a situación de necesidade económica do empregado impuxo a estas condicións de traballo lesivas dos seus dereitos", reza o escrito do fiscal, que especifica que en todo o tempo que estivo na explotación nin lle tramitou un contrato de traballo, nin o deu de alta na Seguridade Social, nin lle pagou o soldo ao que se comprometeu, o que constitúe un delito contra os dereitos dos traballadores.

Durante oito meses -o empregado traballou ata xaneiro de 2016-, "a xornada de traballo estendíase durante 14 horas diarias, non permitía ao traballador librar ningún día e ningún dos meses lle pagou máis de 150 euros ao mes", describe o fiscal no seu escrito, no que tamén indica que, ademais, "non lle daba para comer todos os días", "o traballador desempeñaba tarefas na explotación gandeira sen equipos de traballo mínimos para o seu desempeño" e "a vivenda na que o acusado o tiña vivindo como parte do abono salarial acordado non tiña auga corrente, nin condicións de habitabilidade, coas paredes de ladrillo, sen mobles e con pingueiras".

Ante esta situación, o empregado abandonou a explotación gandeira do acusado, "sen que este lle quixera abonar todo o que lle debía de acordo co conveniado verbalmente ao comezo da relación laboral", di o fiscal, que inicialmente solicitaba para o acusado tres anos de prisión, que se reduciron a dous.