jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

ANTÍA YÁÑEZ, GAÑADORA DO III PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

"É un galardón moi desexado: Agustín é un referente e meus avós son de Lanzós"

Antía Yáñez. AMA
Antía Yáñez. AMA
Antía Yáñez toma o testemuño de María Reimóndez e Rosa Aneiros como gañadora do premio Agustín Fernández Paz, convocado polo Iescha, o Concello de Vilalba e Xerais. A súa obra ‘Plan de rescate’ mestura á perfección aventura, misterio, ironía e unha chea de humor.

Nada en Burela en 1991 e con raíces chairegas, Antía Yáñez é a gañadora do III Premio Agustín Fernández Paz, un galardón a prol da igualdade no que arrasa a escrita feminina.

Que significa gañar este premio?
É un galardón moi desexado por dous motivos principais: o primeiro, Agustín Fernández Paz foi un dos meus escritores favoritos da infancia porque nos seus libros aparecían rapazas afoutas que facían cousas que pagaban a pena, e naquela época iso non era tan común. O segundo, que meus avós viven en Lanzós e entón Vilalba sempre foi unha vila moi querida para min.

Era a primeira vez que se presentaba? Cal foi a súa motivación?
Si, era a primeira vez. Creo que o compromiso pola igualdade pode verse en todas as obras que escribo, así que por tempos e temática cadrábame perfecto. Ademais, polo que xa dixen de que Agustín sempre foi un referente e que o premio é próximo a onde teño parte da familia, xa remataba de cadrar todo de forma perfecta.

Tivo ocasión de coñecelo?
Si, nunha feira do libro da Coruña, antes de eu escribir nada. Foi unha alegría inmensa. Desgraciadamente, non puiden compartir moito tempo con el, xa que era unha sinatura de libros, e un ano despois finou. A noticia impactoume moito e agora sempre que podo intento ir a actos para coñecer aos meus escritores e escritoras favoritos.

Toma o testemuño de María Reimóndez e Rosa Aneiros. Como leva esa responsabilidade?
Pois creo que aínda non son consciente de todo o que implica. Admíroas moito, son escritoras que escriben desde o compromiso da igualdade porque elas son así, non poden concibir a creación sen esa ollada feminista, e iso compártoo totalmente. Se hai uns anos me dixesen que ía recibir un premio que antes gañaran elas, non o crería.

"Unha internalización maior e mellor da nosa escrita é o seguinte paso que ten que dar a literatura xuvenil galega"

Tres edicións, tres gañadoras. Hai maior presenza feminina na escrita?
Sempre a houbo, pero nunca se nos deu a visibilidade que mereciamos. E aínda nos queda moito por andar.

Como definiría Plan de rescate?
Foi concibida desde o humor. Teño unha academia e estou rodeada de rapaces e rapazas todo o día e sempre levan o sorriso na cara, como non escribir unha obra coa mesma tónica? Logo xa, á parte, quixen facer visible que non todo o mundo ten as mesmas capacidades nin a mesma forma de ser, e que aínda que ás veces lles poñamos nome ao que lles pasa, no fondo todos e todas temos ‘algo’, as nosas particularidades, que nos fan diferentes.

A obra escapa das diagnoses.
Ás veces un diagnóstico pode axudar, por iso de chegar a entendernos mellor a nós mesmas, ou illar, porque xa che poñen unha etiqueta da que nunca vas poder librarte. Por iso eu en ‘Plan de rescate’ decidín que non aparecesen os diagnósticos dos e das protagonistas, porque á fin e ao cabo iso non lles fai ser outra cousa que seres humanas.

Dende o xurado destacan que é unha obra chea de humor e ironía. Que outros ingredientes ten?
Algo de aventura e algo de misterio, pero penso que iso sempre vai na miña escrita. Como ben di a protagonista ao comezo, hai amizade, compañeirismo e mesmo un chisco de amor, por moito que lle pese, pero sempre desde o humor.

Que supón ver a súa obra publicada por Xerais?
É un orgullo formar parte do catálogo dunha editorial tan importante e que ademais publica e publicou autores e autoras tan destacados coma o xa nomeado Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas ou Pedro Feijoo. Son persoas ás que admiro moito. Que importancia teñen os premios? Para min, a visibilidade.

Cal cre que é o estado de saúde da literatura xuvenil galega?
Pois non hai máis que ver cantos premios nacionais leva xa tras de si a nosa literatura: Ledicia Costas, Antonio García Teijeiro, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo... Escriben en galego e gañan en Madrid. As súas obras son traducidas ao longo de todo o mundo. A pesar de todos os atrancos, a literatura xuvenil e infantil galega ten unha calidade que xa quererían moitos outros sistemas.

E que retos hai por diante?
Sen dúbida, penso que unha internacionalización maior e mellor da nosa escrita é o seguinte paso, un paso que levamos moitos anos intentando alcanzar.

En que outros proxectos está traballando?
A finais de ano sairá unha nova novela, desta vez unha distopía, coa que desfrutei moito no proceso de creación. Ando a mil coas correccións finais e teño moita ilusión posta nela, porque é un proxecto literario que sae da man dunha editorial nova na que confío plenamente.

"É un galardón moi desexado: Agustín é un referente e meus avós son...
Comentarios