Por que decidiu asumir a organización da festa?
Este ano tiña un pouco máis de tempo e animeime xunto a Teresa Abuín. Curiosamente, hai 23 anos os encargados de organizala foron meu avó e seu pai.
E que atractivos vai ter o programa?
Comezamos xa hai unhas semanas cunha churrascada gratuíta para todos os veciños, foi unha mostra de agradecemento que causou novidade e que deixou a xente moi contenta. En canto ao programa da festa, comezará mañá, con misa, procesión e unha sesión vermú con Los Españoles, que repetirán na verbena xunto a Marta Pacín e ao grupo Tania Veiras. Pola tarde, tamén haberá unha festa infantil con Vingolea.
E na segunda xornada?
Por primeira vez haberá pasarrúas polos barrios da parroquia cos Valuros de Castro de Rei, que tamén animarán a previa da misa e a procesión. Na vermú volverá actuar o grupo Tania Veiras.
E haberá máis sorpresas?
Si, tamén se fará un sorteo durante a sesión vermú do domingo dunha estancia para dúas persoas no hotel A Torre de Laxe, que incluirá dúas noite con almorzo.
Como se pode participar?
Durante toda a fin de semana coas consumicións no bar da festa repartiranse rifas. O gañador terá que estar presente durante o sorteo.