A fotógrafa das Pontes Lúa Ribeira, primeira galega na axencia Magnum

Tras dous anos de traballo logo de ser nomeada, a moza, fincada en Bristol, convértese en membro asociado
2020070115421433747
photo_camera Lúa Ribeira. EP

A pontesa Lúa Ribeira acábase de converter na primeira galega —e a terceira española, tras Cristina de Middel e Cristina García Rodero— que consegue entrar na prestixiosa axencia internacional de fotografía Magnum, tras ser elixida este fin de semana como membro asociado na súa reunión anual, que se celebrou de forma telemática debido á crise sanitaria.

A nova fotógrafa pontesa deu o primeiro salto de xigante en xuño do ano 2018, cando foi nomeada para entrar na axencia internacional fundada en 1947 polos reporteiros de guerra Robert Capa, David Seymour Chim, Henri Cartier-Bresson, George Rodger, Bill Vandivert, Maria Eisner e Rita Vandivert.

Presentou tres traballos: un sobre a cultura xamaicana do Dancehall en cidades como Birmingham ou Londres; outro sobre grupos de discapacidade intelectual, que realizou en Galicia, e un máis sobre a mendicidade en Bristol, a cidade onde ela reside, e o consumo dunha nova droga sintética coñecida como spice.

A partir de aí e do seu nomeamento, iniciou dous anos de traballos, algúns centrados na súa visión de Galicia, que recibiron a aprobación de Magnum unha vez máis ao convertela agora en membro asociado. A axencia internacional, que supón unha gran proxección para a moza pontesa, ten actualmente sedes en Nova York, París, Londres e Tokio.

A partir do seu nomeamento como asociada, iníciase para ela outro período de dous anos máis de traballos para poder entrar finalmente na organización como membro de pleno dereito.

Lúa Ribeira, unha moza creativa e unha fotógrafa coa súa propia visión, graduouse en Comunicación Audiovisual en Pontevedra e de aí trasladouse a Barcelona para facer Deseño Gráfico. Despois colleu rumbo a Inglaterra e fixo un curso de Fotografía Documental en Gales, que acabou no ano 2016. Asentada actualmente en Bristol, o seu currículo xa suma moitos premios, como os Jerwood Photoworks 2018, que lle abriron o pase a unha exposición en Londres coa colección Subida ao Ceo, que tamén alcanzou un galardón no Magnum Graduate Photographers Award en 2017.

Comentarios