Foro xa abonou os 4,5 millóns polo balneario de Guitiriz

Tras pagar e asinar a escritura de compra, a empresa madrileña puxo un servizo de vixilancia no complexo termal
2020022512583519347
photo_camera Balneario de Guitiriz. AEP

O balneario de Guitiriz xa é propiedade de Foro de Formación e Edicións S.L. A empresa madrileña asinou nunha notaría da capital lucense a escritura de compra e abonou os 4,5 millóns de euros que ofreceu por adquirir o complexo termal chairego.

Xa nas súas mans, a primeira medida que adoptou esta firma é contratar un servizo de vixilancia privada para as instalacións de Guitiriz co fin de intentar evitar que se sigan producindo saqueos como os ocorridos nos últimos meses

O novo propietario ten previsto porse ao choio para comezar as necesarias obras de reforma destas instalacións canto antes. O balneario leva pechado desde hai tres anos.

A reapertura deste centenario complexo termal suporá unha inxección económica para a comarca da Chaira.

Unha cadea hoteleira galega encargarase da xestión do antigo catro estrelas

En principio, a xestión do antigo catro estrelas de Guitiriz non correrá a cargo da compradora se non dunha cadea hoteleira galega, que se atopa en fase de expansión.

O balneario de Guitiriz dispón de 103 habitacións, tres mananciais de auga medicinal, un campo de golf de nove hoyos, unha mesquita e un xardín botánico, distribuídos nunha superficie dunhas 40 hectáreas.

QUEDA PENDENTE. Coa firma da escritura de compravenda e o abono destes 4,5 millóns dáse case por pechado o concurso de acredores da sociedade, que foi declarado fai un lustro.

A administración concursal terá que esperar a que se resolvan os preitos pendentes para poder facer a repartición dese diñeiro entre os acredores, aínda que esa cantidade só cobre un terzo da débeda contraída pola sociedade.

Comentarios