Fonmiñá contará cun centro de interpretación do Alto Miño

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Concello da Pastoriza impulsan este proxecto
Área recreativa de Fonmiñá. S.IGLESIA
photo_camera Área recreativa de Fonmiñá. S.IGLESIA

A posta en valor da zona do Alto Miño é un obxectivo compartido polo Concello da Pastoriza e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), que rubricaron un convenio co que se comprometen a colaborar na creación dun centro de interpretación na lagoa de Fonmiñá. Estas instalacións estarán executadas ao longo deste ano e, segundo o alcalde pastoricense, Primitivo Iglesias, varios técnicos xa acudiron ao lugar para a fase de replanteo.

Alí, na súa área recreativa, está previsto que se localice a edificación de planta baixa e aires modernistas que non só servirá para achegarse aos ríos galegos e ao ecosistema que alberga a lagoa nos seus 350 metros cadrados, senón que tamén contará con cafetería e outros servizos, tal e como adiantou o rexedor pastoricense, que ve nesta iniciativa a mellor maneira de "dar a coñecer o concello e a súa cultura", xa que Fonmiñá serve de "punto de inicio para visitar outros lugares como o castro de Saa ou o Cin de Bretoña, no que se recolle a historia da diocese britoniense".

Así mesmo, a principal fonte do pai dos ríos galegos é "onde máis xente para, sobre todo na época estival, e durante o curso escolar rexistra numerosas excursións", engade Iglesias.

O futuro centro, ao que a Confederación destina 250.000 euros mentres que o Concello pon os terreos, estará deseñado de tal maneira que se mitigue o impacto visual na contorna, "con 40 metros de lateral acristalado", e un interior dotado coa última tecnoloxía para facelo simple, intuitivo e accesible a todos os que o visiten, sobre todo pensando nos escolares que se acheguen ata Fonmiñá.

Pero esta non será nin moito menos a última actuación que se fará para recoñecer o nacemento e os primeiros pasos do Miño.

O centro de interpretación é o primeiro chanzo dun proxecto máis amplo co que a CHMS agarda unir "a fonte primaria do río coa fonte principal", avanza Primitivo Iglesias. Así, prevese crear unha senda que vaia desde o Pedregal de Irimia, en Meira, ata Fonmiñá, de onde xa parte unha ruta de sendeirismo de máis de doce quilómetros que leva ata a área recreativa de Baltar, e no propio Pedregal levantarase outro centro similar que abordará aspectos hídricos e xeolóxicos da zona. "Ademais, moi preto pasa a Vía Rexia, que agardamos que nun futuro sexa recoñecida como ruta de peregrinación", conclúe o alcalde, que confía en que Fonmiñá se converta nun punto de referencia.

Comentarios