Foliada entre gaitas, tixolas e serras

A Tradescola iniciou unha nova tempada de concertos didácticos con senllas actuacións nos colexios Ramón Falcón e Veleiro Docampo
Concerto no Ceip Ramón Falcón. C.PÉREZ
photo_camera Concerto no Ceip Ramón Falcón. C.PÉREZ

"Estes concertos son moi importantes, xa que estes posibles novos músicos e bailadores serán os que xoguen un papel básico no futuro das nosas tradicións, da nosa música, canto e baile, e como non, tamén da nosa lingua", explicaba este mércores Mónica Fernández, coordinadora da Tradescola, no inicio dun novo ciclo de concertos didácticos que levará aos mestres da escola luguesa de música tradicional da Asociación de Gaiteiros Galegos por distintos centros da provincia ata xuño.

Foron máis de 300 os entregados alumnos dos dous centros educativos de Castro de Rei, o Ceip Ramón Falcón e o Ceip Veleiro Docampo, os que inauguraron esta actividade, na que cantaron, bailaron, aplaudiron e riron da man dos mestres Carme López, Xabier Iglesias, Paula Fernández e Germán Díaz.

Os 76 escolares do colexio de Castro de Rei implicáronse ao máximo nun concerto interactivo no que, logo de presentar a gaita e os seus compañeiros habituais, bombo e tamboril, os pequenos poideron probar a súa habilidade facendo soar as cunchas, afacéndose á idea de que se pode marcar o ritmo con case calquera cousa.

E por se tocar as tradicionais cunchas non abondaba, tamén escoitaron os sons producidos por unha chave de ferro ao bater nunha tixola, souberon como resoa unha lata de pementón e abraiaronse ao ver que ata cunha serra e un arco se pode crear música.

Un animado baile ao son da Carolina e a invitación a todos os nenos de apuntarse a clases de baile ou de música tradicional para axudar a conservar a cultura galega puxeron o broche de ouro en Castro de Rei e os catro músicos da Tradescola mudáronse á casa da cultura de Castro de Ribeiras de Lea. Alí compartiron tamén cos máis de 200 estudantes de infantil e de primaria do Ceip Veleiro do Campo algúns dos segredos de instrumentos coma a zanfona, o acordeón ou a requinta.

A Tradescola estará en marzo nos dous colexios de Cospeito e en abril chegará a Pol

PRÓXIMAS CITAS. Con estas xornadas, a Tradescola pretende achegar á comunidade escolar "a nosa música e a nosa cultura tradicional, dun xeito ameno e didáctico", precisan dende a escola, avanzando que no mes de marzo repetirase visita a terras chairegas, concretamente aos dous centros de Cospeito, o CPI Virxe do Monte e o Ceip de Muimenta.

En abril, o destino dos mestres da Tradescola será o Ceip Rosalía de Castro de Mosteiro (Pol), en maio farán unha visita a Becerreá e en xuño pecharase unha nova tempada dos concertos didácticos cun ciclo en Lugo.

En todas estas convocatorias, ademais de tentar transmitirlles o gusto pola música tradicional aos máis pequenos, tamén se tentará convertelos en parte do espectáculo convidándoos a bailar ou a tocar algúns dos instrumentos dos que se fala.

Comentarios