"Fíxome moita ilusión dar un premio neste tempos de crise"

Daniel José López Legaspi entregou en Meira logo de dous anos como vendedor da Once
Daniel José López Legaspi. EP
photo_camera Daniel José López Legaspi. EP

ESTE luns foi un día moi especial para Daniel José López Legaspi, pois tras dous anos como vendedor da Once entregou en Meira o seu primeiro premio. O afortunado é un cliente habitual da localidade que levou máis de 6.000 euros co xogo Mi Día, segundo indican dende a Once. Como bo vendedor, Daniel José prefire non desvelar a identidade do afortunado.

Supoño que como vendedor estará contento de entregar un premio de 6.000 euros...

Por suposto, causoume moitísima alegría entregar este premio porque é o primeiro que dou. Levo dous anos como vendedor e estreeime este luns. Fíxome moita ilusión porque aínda que non é unha cantidade moi grande, neste tempos de crise que vivimos estou seguro de que ao afortunado lle alegraron o día.

O afortunado foi un cliente de Meira, sabe quen foi?

Aínda que o soubera non podería desvelar a identidade (risas).

En que consiste ‘Mi Día’?

É un xogo no que a persoa participante ten que escoller unha data entre as 36.525 comprendidas nun período de 100 anos. Ademais, cada combinación leva asignado automaticamente un número da sorte. O importe xogado por cada combinación é de un euro e os sorteos celébranse todos os luns e os xoves.

Onde ten o seu punto de venda en Meira?

Normalmente colócome pola praza e estou moi satisfeito polos clientes que teño.

Soe desprazarse a outras localidades da provincia?

Si, vou tamén a Pol, a Ribeira de Piquín, a Riotorto ou á Pontenova.

Comentarios