A Filloa de Muimenta, a "mellor vacina"

A cita gastronómica repartiu 18.000 unidades do seu manxar, do que Sotillos destacou o poder de "unión" e "traspaso de coñecemento"
O pregoeiro, Alberto Sotillos.M. MANCEBO
photo_camera O pregoeiro, Alberto Sotillos.M. MANCEBO

Cun perfecto galego, pese a non ter ningunha relación con esta terra, Alberto Sotillos definiu no seu pregón a XXXI Festa da Filloa de Muimenta como a "mellor vacina", un remedio contra a "soidade non desexada, a polarización política e contra o medo, ese medo que aparece entre nós cando deixamos de coñecernos e fai que nos vexamos coma estranos que deben enfrontarse".

O sociólogo e analista político abundou durante o seu discurso nas bondades desta cita, destacando por riba de todas "a unión de varias xeracións e o traspaso de coñecemento coas mans ao carón do lume".

"Verse, sentirse e tocarse é construir sociedade, e fortalecer aquelo que nos fai gozar da vida. E, se é con filloas, moito mellor", engadiu, asegurando que con elas "non hai medo nin diferencias".

Sobre estas liñas, pregoeiro e autoridades. Unha das filloeiras, mozos elaborando racións e as pandeireteiras da Anpa do Ceip de Muimenta.
Unha filloeira. M. MANCEBO

"Cada cullerada que imos poñer sobre a prancha é unha pedra máis do espazo común, unha pata máis dunha mesa compartida onde podermos falar, atoparnos e, xuntos, avanzar", manifestou, agradecido polo convite pese a ter que ser tres anos seguidos o pregoeiro -xa fora convidado á edición de 2020 que se tivo que adiar pola pandemia-, o que lle obrigou, dixo con retranca, "a facer e comer o triple de filloas para compensar".

E dito e feito, Sotillos non tivo reparos en saborear, pero tampouco en probar a arte coa prancha, seguindo os consellos dalgún dos 60 filloeiros voluntarios -en total colaboraron 160 persoas nas distintas tarefas- que elaboraron as 18.000 unidades que se despacharon xunto co churrasco no recinto feiral Manuel Vila, ao que tamén acudiron numerosos representantes políticos.

"Tiñamos moitas ganas de volver, xa tardaba", confesaban as filloeiras máis veteranas de Muimenta, unha idea compartida tamén cos visitantes, que non paraban de repetir que era moi necesario "volver á vida".

E volveuse con novidades, xa que ademais de contar por sexto ano coa presenza de representantes da Festa da Filloa de Lestedo, tamén acudiron os da Baña, que trouxeron as súas "pranchas de pedra de granito" para elaborar as súas propias filloas. "O sitio é marabilloso, hai moita xente. Estaremos encantados de poder repetir a experiencia", aseguraron.

Pandeireteiras da Anpa do Ceip de Muimenta.  M. MANCEBO
As pandeireteiras da Anpa do Ceip de Muimenta.

Ademais da parte gastronómica da cita, que conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia dende 2008, a programación ofreceu animación musical, que correu a cargo da escola de baile e música tradicional da Pastoriza, do dúo Época -que fixo doblete- e das pandeireteiras da Anpa do Ceip de Muimenta.

E, ademais, entregáronse os premios do XXII Concurso de Debuxo e Relato da Filloa, un xeito máis de promocionar unha cita necesaria que demostra que o rural está moi vivo.

Comentarios