Unha fiestra ao pasado zoqueiro

Xotramu inauturou este sábado en Muimenta un museo que pretende manter viva a memoria e homenaxear a todos os veciños que se adicaron a un oficio con fonda tradición na localidade

"Non estamos en contra do progreso, pero ás veces camiña demasiado rápido. E hoxe estamos ledos e orgullosos. Un pobo que non coñece o pasado non pode facer fronte ao presente e menos encarar o futuro", expresaba subido a unhas zocas Manuel Vila, o presidente da asociación Xotramu -esa entidade que mantén con vida tanto xogos como historia dende 2009-, minutos antes de abrir ao público as portas dun museo que nace como unha fiestra ao pasado zoqueiro de Muimenta. Entre os seus obxectivos, manter viva a memoria e servir de homenaxe a todos os veciños que se adicaron a un oficio con fonda tradición na localidade.

Xotramu inaugurou este sábado o Museo das Zocas de Muimenta, que contou cunha achega de 8.000 euros da Deputación de Lugo e se presentou ao mundo nun acto sinxelo pero emotivo e cheo de recoñecemento ás mans que calzaron con destreza a tanta xente noutros tempos.

"O de zoqueiro foi o oficio máis común que houbo aquí en Muimenta. Nas ribeiras dos ríos danse moi ben o bidueiro e os ameneiros, bo material para facer as zocas, que tamén eran moi boas para camiñar por zonas húmidas como esta", recordaba Vila, que asegurou que na localidade, situada no centro da Chaira, chegou a haber ata 50 zoqueiros a un tempo.

Aínda quedan algúns, incapaces de recordar cantas zocas pasaron polas súas mans, e sete deles foron homenaxeados onte. Benjamín Parga (1923), Germán Anllo (1926), Herminio Falcón (1927), Perfecto Morán (1934), Francisco Morán e José Morán (1935) e Francisco García (1943) recibiron cadanseu diploma, que recolleron con emoción. Antonio Morán non puido participar, pero estivo presente no recordo. Tamén outros que xa non están.

No acto de inauguración, que presentou Xulio Xiz e no que participaron distintas autoridades -estivo presente o presidente da Deputación, Darío Campos; o rexedor municipal, Armando Castosa, e outros concelleiros da corporación-, houbo espazo para a música, coas pandereteiras máis novas da localidade, e para a poesía, na voz do poeta de Ponte de Outeiro, Xosé Otero Canto, que creou o himno do museo.

INSTALACIÓNS. Ubicado no antigo pórtico da vella igrexa de Muimenta, nun entorno case máxico, rodeado por catro carballos e un freixo que suman os anos a centos, e próximo a antiga escola, tamén musealizada, o Museo das Zocas agocha o saber popular.

Nun espazo duns 80 metros cadrados, no centro un carro recorda outros tempos nos que o transporte era máis pesado e máis lento. Á esquerda, a zona de traballo -con ferramentas e materiais utilizados na confección como unha aixola, unha trade ou gubias-e unha exposición con case 40 pares de zocas de diferentes cores e ornamentos. Entre elas, hai chinelas, decoradas cun deseño máis elegante para ser usadas nos días de festa, de caña alta de coiro, "as primeiras catiuscas", modelos para nenos ou para xigantes.

"Hai unhas pequeniñas que fixen hai máis de 50 anos e estiveron moito tempo nun escaparate en Lugo", dicía orgulloso o máis maior dos homenaxeados, Benjamín, que aseguraba que o resultado non era sorpresa para el pero que o museo quedara "moi ben". Mentres, un compañeiro máis novo, Francisco, apuntaba: "A mín gustoume moito tamén. É unha homenaxe ben bonita e unha forma de que o oficio se manteña vivo".

Nunha parte da parede colgan fotografías en branco e negro que mostran o proceso de creación das zocas tradicionais. Noutro, xa e en cor, as imaxes presentan as caras dos protagonistas, os zoqueiros. E ao lado, o visitante pode perderse nos versos do himno. "O Zoqueiro dos amenceres/ e do solpor que se estrea,/ cos toros de bidueiro/ fas zocas de lúa chea", comenza.

Comentarios