O Festival de Pardiñas celebra unha edición deslocalizada e adaptada á nova normalidade

A Asociación Xermolos apostou por grupos habituais do festival para unha programación repleta de música, literatura e cine

Presentación do Festival de Pardiñas na Casa das Palabras de Guitiriz. DEPUTACIÓN DE LUGO
photo_camera Presentación do Festival de Pardiñas na Casa das Palabras de Guitiriz. DEPUTACIÓN DE LUGO

A Casa das Palabras de Guitiriz serviu de escenario para a presentación da 41 edición do Festival de Pardiñas, que este ano se celebrará cun novo formato, deslocalizado e adaptado ás medidas de seguridade impostas pola nova normalidade.

O veterano festival, organizado pola Asociación Cultural Xermolos, estenderase ao longo das diferentes parroquias do concello durante todas as fins de semana de agosto. Deste xeito, os veciños de Guitiriz  poderán gozar de concertos, proxeccións audiovisuais, presentacións de libros ou coloquios culturais nalgunhas das paraxes máis destacadas do municipio.

O impulsor do Festival, Alfonso Blanco, explicou que “optaron por persoas, colectivos e grupos das Terras de Guitiriz, Parga e Teixeiro e con outros que, sen ser daquí, estiveron sempre con Xermolos, contribuíndo a que o festival saira adiante”. “Concebimos a cultura como unha ferramenta contra outras pandemias, como a da desigualdade e a inxustiza, por iso cremos que ante o coronavirus non podemos baixar as forzas. Temos que pelexar contra el”, expuxo durante a presentación na que tamén participou a alcaldesa de Gujtiriz, Marisol Morandeira, e Maite Ferreiro, presidenta da Deputación.

Ferreiro agradeceu “o esforzo feito pola asociación para reformular o Festival e adaptarse ás excepcionais circunstancias deste ano marcado polo incidencia do coronavirus” que, sinalou, “está complicando a celebración de festas e programacións por todo o país”.

ACTIVIDADES CULTURAIS.  A programación comezará o sábado 1 de agosto ás 12.00 horas na carballeira de Parga coa lectura do pregón a cargo de Afonso Castro e a apertura da Mostra de Artesáns de Instrumentos Musicais na que participarán preto de 40 artesás de todo o país. O grupo de música tradiconal Tres pesos ofrecerá un concerto en pequeno formato.

As actividades continuarán ao longo de todo o mes, abertas e gratuítas, a excepción do concerto de Uxía Senlle, que se celebrará o 3 de agosto cunha entrada simbólica por valor de dous euros para facilitar o control do aforo. Os tickets están a venda en catro negocios de Guitiriz: Soa, Xoldra, Gaibor e Librería Castaño.

Comentarios