As festas virtuais da Ponte de Outeiro ofrecen unhas 50 actuacións en 3 días

Andrea Méndez non quería que a parroquia de Castro de Rei quedase sen patronais e contactou con diversos artistas. Estes remitíronlle vídeos que se poderán ver do 11 ao 13
Andrea e Miguel. EP
photo_camera Andrea e Miguel. EP

Do 11 ao 13, se non existise unha crise sanitaria mundial, celebraríanse no campo da festa da Ponte de Outeiro, en Castro de Rei, as festas na honra á Virxe da Portería. O coronavirus levou aos ramistas a suspendelas, mais Andrea Méndez non se conformou con que a súa parroquia quedase sen celebracións e argallou un festón virtual que nas mesmas datas citará a través das redes sociais máis de 50 artistas.

"Eu son moito de Outeiro e non quería que quedaramos sen festas", asegura unha moza de 16 anos que comezou por poñerse en contacto cos varios amigos e compañeiros do mundo da música –estuda varios instrumentos e toca en varias formacións– coa idea de darlle forma ao que bautizou coma Se non hai festa faise. E aínda foi un paso máis alá, xa que buscou a colaboración doutros artistas para proporlles que tamén se sumasen ao Festón Virtual Ponte de Outeiro 2020.

"A resposta foi moi boa", di, gratamente sorprendida pola boa predisposición de xente á que nin sequera coñecía para sumarse ao seu proxecto festivo. E así, o que Andrea pensaba que ían ser uns cantos vídeos de amigos que compartir co público na fin de semana das festas acabou por converterse nunha completa programación de tres días, con preto dunha vintena de actuacións por xornada.

E Andrea non só destaca a favorable e altruísta resposta dos artistas, senón tamén daqueles colaboradores que lle cederon diversos agasallos para sortear a través das redes da iniciativa e que axudaron a darlle difusión e visibilidade a estas innovadoras patronais virtuais, que poderán seguirse a través da páxina de Facebook Festas Ponte de Outeiro ou do Instagram @ponte_de_outeiro.

PROGRAMA. A partir das 11.00 horas do venres, Andrea irá publicando os saúdos e as pezas que lle remitiron intérpretes e grupos non só de distintos puntos de Galicia, senón tamén de Asturias, Valladolid ou Irlanda, de estilos que van "dende o blues ata o rock ou a música tradicional galega", explica a promotora da iniciativa.

Unha nova formación luguesa, Verter GZ, e o seu tema Se non temos festa, montámola nós inaugurarán a programación que se estenderá ata a madrugada, con novidades cada media hora, aproximadamente. Non faltarán os directos. O venres ás 21.00 horas, dende o campo da festa, tocará Andrea, revivindo os concertos que xa fixera mentres durou o confinamento, e na fin de semana conta con poder facer un pasarrúas pola parroquia. E haberá un novo sorteo, unha camiseta de María Viqueira e unha máscara de Canto's Artesanía, no que poderá entrar quen se conecte.

Germán Díaz, De Vacas, Cristian Silva, Hugo Torreiro, Los Jinetes del Trópico, Ruxe Ruxe, Dakidarría, Festicultores e un longo etcétera pasarán por estas singulares patronais que tamén inclúen maxia, da man de Nacho Samena, ou unha representación local. E é que serán media ducia de músicos locais os que o domingo a partir das 19.00 horas, en pequenos recitais nos que os acompañará a multiinstrumentista Andrea, se encargarán de pórlle o broche de ouro ao Festón Virtual da Ponte de Outeiro 2020.

Comentarios