A Festa da Xuventude de Lanzós agarda batir o seu récord

A novidade deste ano será que a celebración durará dous días, o 19 e o 20. O prazo para apuntarse ao xantar remata o martes 15
Comisión da Festa da Xuventude. S.IGLESIA
photo_camera Comisión da Festa da Xuventude. S.IGLESIA

A comisión organizadora da Festa da Xuventude de Lanzós agarda batir o seu propio récord nesta sétima edición, que celebrará o seu día grande o próximo sábado 19 no campo da festa do Adro. E como novidade, nesta ocasión amplíase a programación ata o domingo, día 20.

"Falou o pobo e o pobo quería máis festa", comenta Álex Ramudo, un dos membros da organización, que xunto a Xurxo Casás, José Camba, Javier Orosa e Roberto Ramudo dan forma a unha cita festiva marcada en vermello no concello vilalbés. "Pódese dicir que somos pioneiros e iso é un orgullo", din, ao tempo que explican polo miúdo o cartel.

O martes, día 15, remata o prazo para apuntarse ao xantar que será ofrecido polo cátering Valenciaga

O día 19, como xa é tradición, haberá unha misa solemne e, a continuación, a sesión vermú correrá a cargo do dúo Los Adrianos. Logo, será o momento de sentarse á mesa para degustar o menú servido polo cátering Valenciaga, que constará de empanada, embutidos ibéricos, polbo, churrasco e postre e café, por un prezo de 25 euros, mentres que o menú infantil —ata dez anos— será gratis.

Dende a organización lembran que o prazo para apuntarse remata o vindeiro martes, día 15. "A estas alturas normalmente non había ninguén apuntado e este ano xa levamos máis de 50", indican os membros da comisión, esperanzados en superar a cifra de 520 comensais que chegou a haber.

O sábado haberá música de Los Adrianos, a Charanga Mekanica Rolling Band e as orquestras Cinema e La Fórmula

Ao longo da tarde sucederanse os sorteos dunha televisión, queixos aportados polas firmas da DOP San Simón da Costa ou 800 euros, para os que xa hai rifas á venda, igual que as camisetas co logo da Festa da Xuventude por dez euros. Haberá tamén inchables gratis para os nenos. 

A música non faltará na xornada e os asistentes bailarán ao ritmo da Charanga Mekanica Rolling Band e, xa pola noite, coas orquestras Cinema e La Fórmula, que ofrecerá cinco horas de espectáculo. Ao día seguinte, o domingo, volverá a haber misa á mesma hora e sesión vermú con Los Adrianos, co que se dará por rematada a festa.

Comentarios