A Festa da Xuventude entre Aldeas citará o sábado a 500 asistentes

O evento, que se celebra no campo da festa de San Bartolomeu de Insua, incluirá un xantar, animación musical e xogos populares

Comisión organizadora da Festa da Xuventude entre Aldeas. M.MANCEBO
photo_camera Comisión organizadora da Festa da Xuventude entre Aldeas. M.MANCEBO

A terceira edición da Festa da Xuventude entre Aldeas, promovida conxuntamente polas parroquias de San Xosán de Alba, Torre, Boizán e San Bartolomeu de Insua, citará a un 500 asistentes este sábado 23.

Así o confirmaron os organizadores da cita, unha das máis multitudinarias da contorna. "Estas festas funcionan mellor que as patronais, moven moita máis xente. O primeiro ano viñeron 380 persoas e o pasado xa cubrimos o cupo de 500, os mesmos que seremos o sábado", afirman os 17 integrantes dunha comisión organizadora experimentada que repite por terceiro ano consecutivo.

Nesta ocasión, o programa será moi similar ao de anos anteriores, aínda que contará con algunha novidade para facela máis atractiva. Así, a festa arrincará ás 14.00 horas cunha sesión vermú que estará amenizada polo grupo Fénix.

A continuación, celebrarase nunha carpa instalada para a ocasión no campo da festa de San Bartolomeu de Insua -a iniciativa vai rotando polas catro parroquias en orde alfabética-, un ágape de irmandade no que Hermanos Debasa servirá un menú a base de polbo con cachelos, xamón cocido e churrasco mixto, ademais das típicas bebidas, postres e café.

Os asistentes desfrutarán dunha entretida sobremesa, na que tamén haberá animación musical a cargo do Dj Adrián Martínez, veciños de Insua.

Unha das principais novidades será a celebración de xogos populares que porán a proba aos presentes, e aos que se sumarán as colchonetas gratuítas que se instalarán para o desfrute dos asistentes máis pequenos.

A xornada de festa entre aldeas concluirá cunha animada verbena na que repetirán no escenario o grupo Fénix e o Dj Adrián Martínez.

"O máis bonito é que nos xuntamos e o pasamos moi ben, así que esperamos repetir o mesmo éxito de edicións anteriores", conclúen os seus promotores, desexando que esta cita teña longa vida.

Comentarios