Festa da Xuventude entre Aldeas: catro de catro e volta a empezar

A cuarta edición da cita reunirá o día 14 a medio milleiro de persoas na parroquia da Torre, que pecha o ciclo desta celebración itinerante que xa pasou por Alba, Boizán e Insua
Boa parte dos organizadores da Festa da Xuventude entre Aldeas. C.PÉREZ
photo_camera Boa parte dos organizadores da Festa da Xuventude entre Aldeas. C.PÉREZ

Hai catro anos, un grupo de veciños das parroquias de Alba, Boizán, Insua e A Torre fixeron valer o dito de que a unión fai a forza. Pensaban que por separado era difícil organizar un evento en cada unha destas parroquias vilalbesas así que, dada a proximidade e os lazos que xa existían entre elas, por que non facelo en común e de xeito itinerante?

E a fórmula tivo éxito. Moito. Aquela primeira edición celebrada en San Xoán de Alba —acordouse respectar a orde alfabética— logrou xuntar a unhas 350 persoas e sentou as bases das seguintes, en Santiago de Boizán e en San Bartolomeu de Insua, que consolidaron a convocatoria cunha asistencia de preto de 500 persoas, o máximo aforo permitido.

Santa María da Torre será a encargada de pechar o ciclo itinerante o vindeiro día 14, coa confianza posta en volver a rondar o medio milleiro de asistentes, unha cifra que non está nada mal, tendo en conta que entre as catro parroquias suman un total de 857 veciños censados.

Aínda que leve o nome de Festa da Xuventude, este encontro de irmandade entre aldeas non ten idade e está aberto a todo aquel que queira sumarse. De feito, nos carteis anunciadores detállase que na celebración pode participar calquera persoa que teña entre os cero e os 103 anos, unha cifra que non está escollida ao azar. Eses 103 son os anos dos que pode presumir Antonio Cazón, de Boizán, o veciño de máis idade das catro parroquias vilalbesas.

Esta cuarta xornada de confraternidade dará comezo ás 14.00 horas cunha sesión vermú amenizada pola orquestra Eureka, que repetirá na verbena xunto ao dúo Eclipse. Hermanos Debasa encárgase un ano máis de preparar o menú, a base de polbo con cachelos, xamón cocido, churrasco, postre, bebidas e café.

O xantar ten un custo de 25 euros e a venda dos tíckets para asistir, que se poden atopar no bar Cascudo de Alba e en Casa Alejandro de Insua, péchase hoxe martes. Quen queira, tamén poderá cear no campo da festa por dez euros máis. Durante a xornada, sortearanse diversos agasallos entre os asistentes.

"Queriamos xuntar as parroquias e pasar un día de festa todos xuntos, empezamos con esa idea e con ela seguimos, hai que tentar mantela", aseguran desde a organización, que medrou desde os 15 veciños que promoveron a primeira Festa da Xuventude entre Aldeas ata os 21 que se encargan agora de organizala: Choco, Adrián, Álex, Blanco, Carliños, David, Iván, José Antonio, Costa, Joaquín, José, Quique, Manuel, José Manuel, Raúl, Sotero, Suso, Toni, Toñín, Trastoy e Yago. 

Comentarios