lunes. 12.04.2021 |
El tiempo
lunes. 12.04.2021
El tiempo

Ferida unha muller nun incendio nunha cociña en Castro de Rei

undefined
Estado no que quedou a cociña. BOMBEIROS DE VILALBA
O lume orixinouse nunha freidora que quedou acendida e propagouse polo resto de mobles, causando cuantiosos danos

Unha muller de 36 anos, cuxas iniciais se corresponden con J.P.A., resultou este mércores ferida por queimaduras nun incendio rexistrado nunha cociña dunha vivenda en Castro de Rei, tras quedar acendida por esquecemento unha freidora.

Esta foi a orixe dunhas chamas que se propagaron a continuación polo resto dos mobles da habitación, situada nun anexo exterior á casa unifamiliar.

O suceso ocorreu ao redor das 14.00 horas no lugar de Sabugueiro, na parroquia de Santa Locaia. Segundo indicaron desde o 112, foi unha das persoas que se atopaba na vivenda quen chamou para alertar do sucedido á central de urxencias. Unha vez se tivo coñecemento do ocorrido, desde o 112 informouse inmediatamente aos bombeiros do parque comarcal de Vilalba e á Garda Civil.

Os bombeiros —que inicialmente recibiron un aviso por un incendio nunha cheminea e foi anulado cando xa estaban en camiño e tiveron que volver saír logo de dar a volta— acudiron ao lugar e realizaron as tarefas de extinción no local, duns catro metros cadrados e que os propietarios usaban para cociñar.

O lume provocou que se calcinasen a freidora, a campá extractora e os mobles máis próximos, quedando moi afectados os demais a causa do intenso fume que se xerou no interior da cociña.

A persoa ferida por mor deste incendio foi trasladada en medios particulares ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Outeiro de Rei, onde foi atendida e, tras unha primeira valoración, foi derivada despois en ambulancia ao Hospital Lucus Augusti da capital lucense, a onde a trasladou nunha ambulancia de Soporte Vital Básico (SPV) do 061.

Ferida unha muller nun incendio nunha cociña en Castro de Rei