Unha feira para un símbolo

La Esquina, David e Gómez participaron con degustacións e venda de torta de millo na celebración para exaltar o manxar de Guitiriz
Un dos postos de degustación. C. PÉREZ
photo_camera Un dos postos de degustación. C. PÉREZ

Malia a inestabilidade do tempo, a sexta edición da Festa da Torta de Millo de Guitiriz congregou a numerosas persoas no Campo de Feira, dispostas a saborear -e tamén a mercar- o manxar protagonista e a descubrir o moito talento da zona a través das distintas exposicións e obradoiros presentes.

"Hai máis postos de artesanía, a disposición tamén é máis axeitada, imos pasiño a pasiño mellorando cada ano", destacaron dende a panadería La Esquina mentres ofrecían degustacións do produto estrela e despachaban as primeiras tortas da mañá. A xente non madrugou moito, pero foi chegando de continuo, disposta ademais a levar un recordo gastronómico ao que, no canto de vendelo ao peso, como adoita ser habitual nas tendas, se lle puxo un prezo único.

Na Esquina optaron por ofrecer dous tamaños, pequena e grande, con cadanseu custo, sete e dez euros, respectivamente, mentres que a panadería David e a pastelería Gómez fabricaron unha peza única, comercializada a oito euros. "Vender aquí ao peso sería moi complicado, así que fixamos un prezo único para a torta enteira", explicaban dende Gómez, contentas de participar nunha feira "esencial" para promocionar "un símbolo de Guitiriz".

Concerto de Tanxugueiras. C. PÉREZ
Concerto de Tanxugueiras. C. PÉREZ

"É emblemática, polo que se coñece Guitiriz en Galicia e incluso fóra, así que ten que haber feira", aseguraban dende a pastelería, que confirman que a torta de millo segue a funcionar como reclamo para que a xente pare na vila. "Hai quen sae adrede da autovía para vir comprala", sinalaban, mentres ofrecían degustacións de torta e tamén doutros produtos que fabrican, entre eles as galletas de millo, feitas cos mesmos ingredientes e distinta elaboración.

Ao seu carón, na panadería David case non tiñan nin tempo para responder preguntas. Despachaban tortas de seguido, combinadas con probas que tiñan un veredito unánime: "Está muy buena", oíase, probásese da panadería que se probase.

"A xente daquí xa a coñece, así que está ben facer un evento así para que se acheguen doutros lados e coñezan o que é típico de Guitiriz", apuntaban dende David, mentres na praza continuaban a montar o escenario do prato forte da velada, o concerto das Tanxugueiras, o broche de ouro á cita organizada polo Concello e que enchía o Campo da Feira.

Mais antes de botar un pé ao son das pandeiretas, tamén se puido gozar da animación dos grupos de música local, aprender a facer cestos ou pulseiras, descubrir como se tallan a madeira, o coiro ou a pedra, saborear outros produtos autóctonos ou facerse con pezas únicas nos distintos postos que arroupaban á torta de millo no seu gran día.

Comentarios