A feira multisectorial e o concurso frisón de Moexmu, aprazados por segundo ano

Manuel Sandamil, presidente de Africor, recoñece que é "doloroso" pospoñer de novo a cita e confía en recuperala antes de fin de ano
undefined
photo_camera Concurso de gando, na edición de 2019 de Moexmu. ARQUIVO

Naquela fatídica semana de marzo de 2020 na que se pasou da vella normalidade a un confinamento domiciliario, o anuncio do estado de alarma que paralizou o país produciuse practicamente ao mesmo tempo que a decisión da organización da XXXVI Moexmu de aprazar a multitudinaria cita ata que as circunstancias fosen máis idóneas. Un ano despois, o coronavirus segue formando parte do día a día de todos, polo que a feira multisectorial de Muimenta, unha das máis importantes de Galicia, e o único concurso de gando frisón da provincia, que ademais ía ser a sede do certame autonómico, terán que aprazarse, sen data, unha vez máis.

"Perder dous anos este evento é doloroso, pero hai que valorar as circunstancias que temos e o máis operativo é facelo así", apunta Manuel Sandamil, presidente de Africor Lugo, entidade promotora do concurso de gando. "É unha pena que non se poida celebrar, porque é dos poucos concursos que queda", sinala tamén, á vez que avanza que polo momento só queda "esperar" a ver como evoluciona a situación.

"Habería que ver as posibilidades de facelo no segundo semestre do ano", engade Sandamil, deixando a porta aberta a unha posible celebración, fóra de data, sempre que o virus estea controlado.

"É a decisión máis responsable que podemos tomar", aseguran desde a organización da que sería a XXXVII Moexmu

"Veremos se ao longo do ano existe a posibilidade de poder levar a cabo a Moexmu ou algunha das súas actividades", apuntan tamén desde a organización, que adoptou esta decisión logo de debatelo con Africor, patrocinadores do concurso de gando, e representantes das administracións que colaboran coa veterana cita, que tería que celebrarse do 9 ao 11 de abril.

Tamén se contactou co club Can de Palleiro, que leva varios anos organizando unha proba no recinto Manuel Vila, con grande éxito de público. "A organización díxonos que seguía contando connosco", avanza o presidente da entidade, Juan Carlos Puente Hermida, que confesa que xa están "afeitos" a esta situación. "Nós seguimos funcionando como club, pero é moito máis díficil ensinar o que facemos", explica, avanzando que estarán "encantados" de volver á Moexmu cando sexa posible.

"É a decisión máis responsable que podemos tomar", aseguran desde a organización da que sería a XXXVII Moexmu, recordando que ademais se celebraría logo de Semana Santa, o que podería incluso aumentar o risco de contaxios, ao ser unhas datas nas que se prevé unha maior mobilidade. Así mesmo, agradecen "infinitamente" a comprensión de todos os afectados pola suspensión dunha cita que todos os anos reúne en Muimenta miles de persoas e conta con máis dun centenar de expositores de todo tipo ou unha poxa de gando.

Comentarios