A Feira do Capón de Vilalba fíxase para o venres 21 de decembro

Os criadores acordan a data en asemblea e volven apostar por non celebrar a cita do domingo, como se facía habitualmente

Capón de la empresa Champivil
photo_camera Un capón.AEP

VILALBA. A tradicional Feira do Capón de Vilalba xa ten data marcada no calendario e será o 21 de decembro, ás portas do fin de semana pero un venres e non un domingo como se facía durante os últimos anos, ata a pasada edición que se volveu a apostar polo día 21, que coincidiu a xoves.

Os criadores acordaron esta data nunha asemblea tras a boa experiencia do ano pasado co cambio de día e desde o Concello xa abriron o prazo para que todos aqueles que queiran participar na feira coa colocación dunha caseta póidanse inscribir. A cita será, como é habitual, na céntrica Praza da Constitución.

Os interesados en colocar unha caseta, xa sexa de alimentación, artesanía ou dun colectivo ou asociación da localidade, deberán cubrir as fichas de inscrición -pódense atopar no consistorio ou descargar da páxina web municipal-. O prazo estará aberto ata o venres 7 de decembro.

Os titulares dos postos terán que cumprir o horario establecido, polo que deberán estar completamente preparados para abrir ás 09.30 horas -a feira arrincará a partir das 10.00- e non se poderán empezar a desmontar antes das 14.30 horas. Todos disporán dunha zona de aparcadoiro no aparcadoiro subterráneo da praza.

Comentarios