Unha familia de Vilalba resulta intoxicada polos gases procedentes dunha granxa próxima á súa casa

O pai tivo que ser trasladado ao Hula e a nai e o fillo do matrimonio foron atendidos na PAC da localidade
 

Vivienda de la familia que resultó intoxicada en Vilapedre. MARTA MANCEBO (Vilalba)
photo_camera Vivenda da familia que resultou intoxicada en Vilapedre. MARTA MANCEBO

Un elevado nivel de gases foi o causante da grave intoxicación que sufriu unha familia do barrio de Carballal, na parroquia vilalbesa de Vilapedre, este luns pola mañá.

Os feitos producíronse ao redor das 12.00 horas, cando un home -A.G.A., de 65 anos- e o seu fillo -A.G.L., de 40- se atopaban nun cortello da súa propiedade, no que tamén había varios animais, supervisando a descarga de lodos, servida por unha empresa de Somozas, nun pozo de xurro situado no interior da nave.

"É algo que se fai case tódalas semanas. Vén un camión e bótaos alí. Nunca pasara nada, ata este susto", explicou outro fillo, que se desprazou até a vivenda en canto tivo coñecemento do sucedido e onde relatou como aconteceran os feitos.

"Polo visto, cando estaban a descargar os lodos do camión -nun pozo pechado hermeticamente- meu pai caeu esborrallado no chan, tratou de dar un berro para pedir axuda. Meu irmán foi a por el, pero tamén empezou a cambalearse", contou.

A nai, M.L.C. de 60 anos, tamén fixo o intento de acceder ao cortello para socorrelos, pero do mesmo xeito ca eles sentiuse indisposta ao traspasar o portón e inhalar os gases tóxicos que había no ambiente.

Até o lugar mobilizáronse axentes da Garda Civil e a Policía Local, voluntarios de Protección Civil e os bombeiros do parque comarcal de Vilalba, que se encargaron de facer medicións, ventilar o cortello e limpar a zona na que se descargaron os lodos que, segundo constataron, contiñan metais pesados e varios disolventes.

Níquel, cobre, cinc, cadmio ou mercurio son algúns dos compostos presentes nos lodos e que aparecían recollidos na carta de portes entregada aos propietarios da casa.

Os efectivos, ademais de realizar diferentes tarefas e constatar a seguridade dentro da nave, tamén estiveron a explicarlle ao fillo que, a diferenza do dióxido de carbono, saír ao exterior e respirar aire puro non é suficiente para reporse da intoxicación por "sulfuro de hidróxeno", xa que os metais pasan directamente ao sangue.

No interior do cortello, onde por mor da inhalación tamén morreu un becerro e outro resultou afectado -xa falecera outro a pasada semana-, os niveis de osíxeno estaban por baixo do 19%, cando o normal é que se sitúen por encima do 21%.

Por todo iso, os bombeiros aconsellaron aos familiares dos afectados instalar os pozos no exterior, nunca nun local pechado, e animáronos a revisar os compoñentes que conteñen os lodos e que utilizan para abonar as súas leiras.

Até a zona tamén acudiu unha ambulancia do 061, que se encargou de trasladar a A.G.A. ao Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), onde a última hora deste luns permanecía aínda en observación.

A nai e o fillo foron atendidos no Punto de Atención Continuada (PAC) de Vilalba e xa están de novo na súa casa. O único que non solicitou asistencia sanitaria foi o empregado da empresa que fornecía os lodos.

INVESTIGACIÓN. A Garda Civil abriu unha investigación para determinar cal é a procedencia dos lodos, que compoñentes teñen, así como para analizar a documentación recollida este luns en Vilapedre. Os labores realizaranos desde o Servizo de Protección á Natureza (Seprona).