Falece o pastoricense Fernández Mel, guerrilleiro e exalcalde de La Habana

Fillo ilustre da Pastoriza, morreu aos 88 anos

Mel (izquierda) recibe una distinción en A Pastoriza en 2008. C.ARIAS
photo_camera Mel (esquerda) recibe unha distinción na Pastoriza en 2008. C.ARIAS

Óscar Fernández Mel, que foi guerrilleiro en Sierra Maestra e alcalde de La Habana durante unha década, faleceu hai uns días á idade de 88 anos debido a unha enfermidade pulmonar. Era fillo de José Fernández Penelas e María Mel Castro, naturais do lugar de Currás (Bretoña), que emigraron a Cuba moi novos, aínda que retornaron ao municipio da Pastoriza cando Óscar Fernández Mel, o menor de cinco irmáns, contaba cun ano de vida. En plena Guerra Civil, en 1937, abandonan Galicia para asentarse definitivamente na illa caribeña. 

Unha vez acabados os estudos medios na súa Matanzas natal, Óscar Fernández Mel estuda Medicina na Universidade de La Habana e pouco despois de licenciarse incorpórase á loita revolucionaria contra o réxime de Fulgencio Batista. En Sierra Maestra está ás ordes de Ernesto Che Guevara, co que Fernández Mel mantivo unha relación de amizade. Foi o seu padriño de voda. 

Fernández Mel asumiu cargos de responsabilidade unha vez que triunfou a revolución. O primeiro, como xefe dos servizos médicos do novo Exército. Xa no último cuarto de século ocupou a alcaldía de La Habana, entre 1976 e 1986. Despois foi embaixador en distintos países, como Reino Unido ou Finlandia. Ademais, foi membro do comité central do Partido Comunista de Cuba. 

Mantivo vínculos coa súa familia galega e en 2008 foi nomeado fillo ilustre do Concello da Pastoriza. Ese mesmo ano disertou en Monforte sobre a situación da illa naquel momento.

Comentarios