Falece Izaskun González Garmendia, unha das monxas de Abadín, aos 81 anos

A relixiosa morreu este domingo en Lugo, a onde se trasladou en 2020 tras residir durante 33 anos na casa reitoral abadinesa con Paquita e Rosa
Izaskun González- EP
photo_camera Izaskun González. EP

Hai 35 anos, chegaban a Abadín as primeiras monxas da Sagrada Familia de Burdeos cun cometido moi claro, axudar aos demais. Un ano máis tarde, en 1988, a Paquita e Rosa uníaselles a guipuscoana Izaskun González Garmendia, procedente de Santa Coloma de Gramanet, onde impartía clase nun colexio da congregación. Foi un cambio grande para ela, unha decisión coa que non estaba do todo conforme pero que acabaría por entender coma un regalo de Deus. O mesmo que agora, tras toda unha vida de servizo e de entrega, decidiu chamala ao seu carón, coa misión confiada máis que cumprida e ben cumprida.

Como lembraba para despedila un párroco que compartiu moitas xornadas con ela polas terras abadinesas, Izaskun, que dixo adeus este domingo aos 81 anos, foi a última man de moitos moribundos e a nai de orfos das inxustizas da vida. Porque ela, igual que as súas compañeiras, tiña clara a súa encomenda: acompañar, orientar e camiñar con quen o precisase.

O sorriso "acolledor e bondadoso" de Izaskun, que regresaba cada fin de semana ás catequeses de Abadín, acompañou a todos os que o precisaron nalgún momento

E iso foi o que fixo durante máis de tres décadas, ata que nesa existencia dedicada aos demais tocou facer un novo cambio de rumbo. Hai case dous anos foi para Lugo, pero non esqueceu a todas esas xentes de Abadín que soltaron algunha que outra bágoa no momento da despedida, o horto da súa casa, as xornadas de convivencia, as catequeses cos nenos das parroquias... As mesmas ás que regresaba cada fin de semana, porque marchar marchou, mais a súa semente, que medrou vizosa todos estes anos, permaneceu e permanece. Como o seguirá a facer a partir de agora. Porque nin sequera todo un ceo pode pode afastar a Izaskun do longo camiño percorrido por esas benqueridas terras de Abadín, a súa casa. Para sempre.

A igrexa de Abadín acollerá o seu funeral o venres 17, ás 17.30 horas

Este luns, a igrexa parroquial da Milagrosa, en Lugo, acollerá as exequias por Izaskun, cuxo sorriso "acolledor e bondadoso", como o recordan desde a diócese de Mondoñedo-Ferrol, será lembrado por todos o venres 17, ás 17.30 horas, cun funeral na igrexa de Abadín que servirá para dar o derradeiro adeus a unha muller sabia que soubo atopar o camiño para abrazar a aqueles que máis o necesitasen.