Falece aos 92 anos de idade Fuencisla Magide Jartín, a "fiel compañeira" de Xosé Manuel Seivane Rivas

Fuencisla Magide e Xosé Manuel Seivane. OBRADOIRO DE GAITAS SEIVANE
photo_camera Fuencisla Magide e Xosé Manuel Seivane. OBRADOIRO DE GAITAS SEIVANE

A familia Seivane despedía este domingo a "nai e avoa" Fuencisla Magide Jartín, "fiel compañeira" do patriarca Xosé Manuel Seivane Rivas.

Nacida o 27 de novembro de 1929 na Casa de Freixo, no barrio da Vara de Navallos, no municipio de Ribeira de Piquín, Fuencisla coñeceu a Seivane cando este se achegou dende a súa Pastoriza natal á parroquia ribeirega a facer unhas zocas para un veciño.

Despois chegarían os encontros nas festas, onde o grupo de gaitas de Fonmiñá Os Catro Amigos, no que Seivane era un dos integrantes, animaban os bailes polos pobos da contorna.

Tras varios anos de relación, Fuencisla Magide e Xosé Manuel Seivane decidiron dar o paso e casaron o 7 de xullo de 1951 na igrexa parroquial de San Pedro de Navallos. Nesta parroquia residiron durante anos, e foi o lugar escollido para ubicar o primeiro obradoiro de gaitas, que se trasladaría logo ao Chao de Pousadoiro e, en 1994, finalmente a Cambre. 

Fuencisla acompañou sempre a Seivane, pero tamén deixou a súa propia pegada nas xentes que compartiron vida e historias cunha muller cunha "enorme capacidade de traballo" e que tiña verdadeira "ansia pola atención á familia". 

Dende os inicios da década dos 70 ata 1992, ano no que se xubilou, foi cociñeira do colexio de Ribeira de Piquín, un municipio que chora a perda da matriarca dos Seivane "a gran muller" que estivo a carón do home que fixo internacional a gaita galega.