O éxtase colectivo desátase na Fraga

Milleiros de mozos chegados de toda Galicia celebraron o Día da Patria na sesión vermú máis salvaxe do verán

CHEGOU O día. E tal e como chegou, foise. Os romeiros da Fraga iniciaron este mércores a tradicional conta atrás de 365 días para vivir de novo unha das citas máis multitudinarias do calendario festivo da volta. Pero antes de facelo, deixaron a pel sobre o campo de batalla na sesión vermú máis salvaxe do verán. A da Romaría da Fraga das Pontes, un evento centenario recoñecido como Festa de Interese Turístico Galego, que nunca defrauda aos milleiros de persoas que se achegan a vivir unha experiencia diferente.

Mozos de distintos puntos de Galicia —e tamén de fóra dela— foron aproximándose a contagotas ata o escenario para completar esa marea de romeiros que sempre enche o campo da festa. Todos cargados de viño ou cervexa e moitos deles portando as súas mellores vestimentas —algúns con atuendos imposibles— para vivir un momento único, no que a loucura o envolve todo.

A FRAGA 2018 (463)Só fixo falta que a orquestra Jerusalén comezase cos seus primeiros acordes do Himno galego para que a multitude entrase nunha tolemia colectiva. Bailes, saltos e cánticos a voz en grito -entre os que non faltaron o clásico berro "Festa da Fraga, Festa Nacional" ou o Miudiño— encheron de ese son tan particular o parque da Fraga, un recuncho verde e tranquilo da localidade durante o resto do ano, pero que se converte no epicentro da batalla cada 25 de xullo.

Durante dúas intensas horas os romeiros foron entrando en calor, o día amaneceu nuboso pero acabou cun sol de xustiza, e pasaron de botar cervexa e viño polos aires a sumarlle o barro, con rings improvisados nos que poucos se libraron de caer e rebozarse ata as orellas. Tamén houbo palla, fariña e polvos de cores, que xa se puxeron de moda na anterior edición.

Todo vale na Fraga con tal de pasalo ben e recordar ese momento álxido que todos os ponteses e mozos chegados dende outros recunchos esperan ansiosos durante todo o ano.

Mentres as batallas se sucedían no campo, a orquestra trataba de sortear camisetas e sombreiros enviados dende a multitude, que non cesou nin un segundo de gozar dunha sesión vermú única e necesaria.

A FRAGA 2018 (638)BAÑOS NO EUME. En canto Jesuralén cesou coas súas melodías —a orquestra repetía por segundo ano consecutivo sobre o escenario—, os romeiros continuaron coa tradición, e achegáronse á beira do río Eume, para refrescarse e devolver a pel ao seu estado orixinal. Sen cores, sen barro, sen licores varios.

Ata o fondo caeron moitos máis dos que o desexaban. Pero, para conseguir evitalo, non hai que asumir riscos. O que se achega ao río, vai para dentro. Por moito que se resista.

E como os mozos non son os únicos que teñen protagonismo nesta cita, o parque de Dona Rita acolleu un ano máis as tradicionais merendas, nas que ponteses de distintas xeracións desfrutaron do Día da Patria como se vén facendo dende hai décadas.

Tortillas, empanadas, lacón, churrasco... Clásicos gastronómicos de todos os anos encheron as mesas instaladas en cabanas que cada vez son menos enxebres.

Un respiro para recuperar forzas e prepararse para volver a dalo todo á noite, xa que a comisión tiña gardado o broche de ouro en forma de rock, cos concertos de Tálesien, Sintrom Ni Son e Celtas Cortos, unha mítica banda vallisoletana que quixo repetir no escenario desta romería, para ledicia dos seus siareiros.

E agora si, despois de rememorar os momentos máis especiais dunha xornada cargada de diversión, alcol, bailes e loucura, comeza de novo a conta atrás.

Porque xa non queda nada para a Festa da Fraga 2019. Hoxe xa faltan 364 días. Tic tac, tic tac...

Comentarios