Expertos na arte de superarse

O pontés Senén Viveiro e a vilalbesa Belén Bouza, ambos con discapacidade e taekwondistas do club Jansu, foron recoñecidos na Gala do Deporte Vilalbés

Belén Chao y Senén Vivero, en las instalaciones del club Jansu de Vilalba. M.ROCA
photo_camera Belén Bouza e Senén Viveiro, nas instalacións do club Jansu de Vilalba. M.ROCA

No mundo do deporte, palabras como esforzo, dedicación, traballo ou paixón son cuestións que van implícitas, pero hai casos nos que estas adquiren un cariz moi especial. E é que, aínda que non todos salgamos desde o mesmo punto de partida, pondo en práctica estas características calquera obxectivo pódese alcanzar. 

Un claro exemplo diso son o pontés Senén Viveiro Naseiro e a vilalbesa Belén Bouza Chao, taekwondistas os dous do club Jansu da capital chairega, cuxa traxectoria foi recoñecida na última Gala do Deporte Municipal de Vilalba. Ao primeiro, como mellor deportista discapacitado e á segunda, cunha mención especial pola súa constancia e empeño neste deporte superándose a si mesma e á súa discapacidade.

Ambos son uns namorados das artes marciais e, concretamente, do taekwondo. Belén, de 40 anos, empezou a practicalo cando era nena, cuns dez anos e traballou duro ata que cumpriu o seu soño de chegar ao cinto negro. "Pareceume unha arte moi nobre, moi correcto, moi profundo...que conecta comigo", explicou, á vez que engadiu que o boto moito de menos", xa que fai un par de anos que, por circunstancias, tivo que deixar de adestrar. "Gustaríame volver", recoñece mentres mira ao seu mestre, Juan Carlos Quintana, e a súa nai apostila: "Desde que recibiu o premio non fai máis que falar de volver practicar taekwondo".

Quen segue aínda en activo neste deporte é Senén, quen desde os 17 anos, e cunha discapacidade de nacemento do 75%, leva outros tantos practicando unha disciplina que lle apaixona. "Quixen toda a vida practicar artes marciais pero por circunstancias non puiden. Pero en canto puiden, aproveiteino e ata hoxe. Empecei en kung fu, durante un ano, pero non me gustou e despois atopei ao meu mestre e aquí sigo", explica este mozo pontés sobre Quintana, co que comparte moitos momentos e, sobre todo, bromas.

Fai uns cinco anos conseguiu o cinto negro de primeiro Dan. "Foi un camiño moi longo, con moito traballo, moitas horas de Juan comigo e eu con Juan e grazas a el cheguei onde estou agora, tanto ao cinto negro como a alcanzar títulos, como un terceiro posto nunha Copa Deputación", recordou Senén, que recoñeceu que lle sorprendeu o seu nomeamento na Gala do Deporte e aínda máis resultar premiado. "Cando me deron o premio non contaba con iso e fíxome moita ilusión", asegurou.

Se algo destaca nel é que sempre está en activo, xa que, ademais de traballar, adoita dedicar tres horas por semana ao taekwondo e tamén, pola súa conta, outras dúas horas a outros deportes, como correr ou nadar. "Eu sígome preparando para conseguir máis Danes, pero non é o obxectivo principal, senón conseguilo algún día. O primordial é seguir alcanzando coñecementos", asegura. E é que, como el di, "non hai nada que non poida facer a día de hoxe". "A miña discapacidade non me impide facer unha vida plenamente normal", sentenza mentres Belén asente coa cabeza.

Comentarios