lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Exhuman os primeiros restos da fosa do cemiterio de Santa Mariña

Traballos de exhumación e localización de materiais, no cemiterio de Santa Mariña, en Guitiriz. M. MANCEBO
Traballos de exhumación e localización de materiais, no cemiterio de Santa Mariña, en Guitiriz. M. MANCEBO

A ARDF localizou fragmentos óseos que poderían corresponder con catro represaliados

A Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo (ARDF) logrou por fin, e logo de moitos anos de traballos e prospeccións previas, abrir a fosa común do cemiterio de Santa Mariña de Lagostelle, en Guitiriz, onde as vellas historias situaban o enterramento de varios corpos dun número indeterminado de represaliados no 36.

Un extremo que acaban de confirmar definitivamente ao recuperar os primeiros fragmentos óseos que poderían corresponder con polo menos catro dos "paseados", que segundo as teorías que manexan desde a ARDF, poderían ser de traballadores do ferrocarril que foron apeados para ser fusilados "na fronteira entre as provincias de Lugo e A Coruña, no lugar coñecido como A Braña do Marco".

Entre os achados localizados estes días -os traballos empezaron xa o luns-, atopáronse varias pezas distintas. Unha vértebra, parte dunha mandíbula, metatarsianos do pé e ata catro cranios. "E hai indicios de que pode haber máis", indica Santiago Carcas, o presidente dunha entidade que traballa desde hai anos na recuperación da memoria histórica.

Ao longo desta semana, un equipo formado por dez persoas procedentes de Madrid, Barcelona, Granada, Castellón ou Valencia, e dirixido pola arqueóloga Belén Hermida, tratarán de recuperar todos os corpos. "Estaremos ata o sábado e non nos iremos sen desenterrar todo. Recuperaremos oito, seis ou os que haxa e trasladarémolos en caixas fúnebres, que xa están preparadas, ata o seu estudo antropolóxico", indicou Carcas, quen cre que "os obxectos tamén falarán e darannos pistas para saber quen son".

O traballo para dilucidar a súa orixe completarase coas análises de ADN, que tratarán de realizar o máis pronto posible se dispoñen de fondos económicos. "Cada proba custa entre 1.500 e 2.000 euros. O Concello de Guitiriz mostrou a súa disposición para colaborar, tamén realizamos unha campaña de crowdfunding e hai doazóns privadas. Toda axuda é boa, e canto máis nos axuden, antes poderemos levar a cabo as probas", defendeu o presidente de ARDF, esperanzado en poder darlles por fin, e logo de máis de 80 anos, unha sepultura digna.

O mesmo tratarán de facer coa fosa común que abrirán a próxima semana no cemiterio de San Vicente de Fervenzas, no municipio de Aranga, onde se cre que hai soterrados outros oito corpos.

DATOS: ENTRE 40 E 50 CENTÍMETROS DE PROFUNDIDADE
A fosa común do cementerio de Santa Mariña de Lagostelle ten unha profundidade aproximada de entre 40 y 50 centímetros. "Non hai un estándar polo que guiarse", explica a directora dos traballos, Begoña Hermida, quen cre que pola extensión "podería haber oito corpos".
Posición
Todo apunta a que os restos estarían colocados en fileira. "Temos que seguir excavando para confirmalo", indica Hermida, quen asegura que de ser certa a teoría "poderían ter sido enterrados polos veciños". "Cando o facían eles tiñan máis coidado que as Brigadas del Amanecer", concluíu.

Exhuman os primeiros restos da fosa do cemiterio de Santa Mariña
Comentarios