Escenarios para saír dun mesmo

A banda Forget la France gravou o videoclip do seu novo tema, 'Outside', nas instalacións de Saiga, en Muimenta, onde atoparon "o contraste" e o punto "tétrico" que precisaba a canción
Integrantes de Forget la France. EP
photo_camera Integrantes de Forget la France. EP

De telleira a fábrica de vigas e forxados e a escenario dun videoclip. Esa é a traxectoria pola que pasaron as instalacións que actualmente ten a empresa de suministros agrícolas Saiga, en Muimenta, e que foron escollidas polo grupo Forget la France para ilustrar a letra de Outside, a súa nova canción.

"O tema trata dunha persoa que intenta saír de si mesma, escapar dos seus medos, e dicirlle ao mundo que segue sendo a mesma pero fóra de si", explica o compositor, Roi Álvarez Climan, que engade que foi feito en inglés porque "en letras tan autobiográficas, trato de escondelas en metáforas ou noutro idioma".

No escenario, no que contrasta "o seu abandono coa limpeza dos instrumentos" e que aporta un punto "tétrico", estiveron gravando "dende as sete da mañá ata as doce da noite", di Roi, man a man coa produtora Pixelecer e 8 Estudios.

Entre os vestixios da vella telleira, pero tamén nunha carballeira de San Lourenzo de Aguiar (Outeiro de Rei), escapa dos seus medos Noe González, do Arneiro, a protagonista que dá vida a unha historia que "transmite forza", por iso non falta en ningún concerto. Noe tamén se esconde detrás do lume que, como curiosidade, "era co que meu pai estaba curando os chourizos na súa casa", rememora Roi, ao tempo que recoñece que "algún comemos despois". E ri.

Outside rompe co anterior e co que vén. As influencias grunge que sacan do primeiro Dover e que inundan os acordes da nova creación dos chairegos tiveron unha gran aceptación por parte dos seguidores. "Nas primeiras semanas, xa superamos o millar de reproducións e de visualizacións en Spotify e Youtube", indica Climan.

Esa enerxía de Outside é tamén a que impide que forme parte do disco no que Forget la France está a traballar. A intención é estrear ese novo álbum logo do verán e o único adianto virá da man de Pequeña de las dudas infinitas, unha balada "moi especial" que será presentada fisicamente e, senón, virtualmente.

O de Outside foi o primeiro traballo audiovisual "de verdade", pero non o último. "Gustounos moito a experiencia de gravar", recoñece Roi, quen tamén fala dos bos comentarios que tivo o vídeo e que os empuxou a presentarse aos premios Martín Códax e a certames de salas privadas. E as sensacións que reinan, para estar fóra de si, non poden ser mellores.

Comentarios