Servir como escaparate para as tradicións e a música diversa en lingua galega é no que se sustenta principalmente o Festival 27373 de Begonte, organizado por Castiñeiro Milenario, e que este sábado sumou un novo éxito coincidindo coa súa décima edición, na que tamén cumpriu coa premisa de darlle un papel destacado á muller.
A entidade cultural chairega volveu dar así coa mestura perfecta e coa clave do éxito, tal e como confirmaron moitos dos presentes no club fluvial begontés, que non dubidaron en desfrutar sen descanso dunha xornada que arrincou cunha sesión vermú amenizada pola asociación Xesta Verde de Friol.

A continuación, tocou repoñer forzas coas tradicionais comidas campestres -algún valente tamén aproveitou o día soleado para mergullarse no río-, ás que se sumaron ducias de familias chegadas dende distintos puntos do concello e tamén de fora del. "Vimos todos os anos, sempre repetimos porque o pasamos moi ben", aseguraba unha veciña de Bóveda, mentres outro grupo, con integrantes de Begonte e Guitiriz, botaba uns contos e outro xogaba a partida despois do xantar.
Pero sen dúbida, se había unha mesa que chamaba a atención, esa era a de Cristina, unha moza de Lugo á que as súas amigas lle prepararon unha inesperada despedida de solteira, e que ía perfectamente engalanada para a ocasión con velo e todo.
"Foi toda unha sorpresa, viñemos comer pero non sabiamos do festival. Hai moi bo ambiente, como todo o que se fai en Begonte", aseguraron as mozas, gratamente sorprendidas polo evento, ao que lle deron un toque de cor diferente coa súa presenza.

E das novidades á tradición. Porque un ano máis dentro do festival celebrouse o aberto de billarda, no que se deron cita máis de medio cento de xogadores. Tamén repetiu cun éxito rotundo a competición de cimbrón, que puxo en pé a público e asistentes entre os balanceos do serrón xigante.
"Este é un festival que aposta pola música, polas tradicións, pero tamén é unha cita moi familiar", confirmaron os promotores, que fixeron un guiño aos máis pequenos co espectáculo de Lydia Botana.
A actuación da multinstrumentista de Culleredo non foi a única que deu a nota musical. Tal e como marca a tradición o Festival 27373 rematou entre melodías en galego. Nesta ocasión, subíronse ao escenario Maghua, Flow do Toxo e Os Vacalouras, que fixeron vibrar e desfrutar a todos os presentes que este sábado iniciaron a conta atrás para a próxima edición.
#EnVídeo 📹 O Festival 27373 de #Begonte volveu dar coa mestura perfecta entre música, tradición e lingua pic.twitter.com/dEjzpowvrJ
— El Progreso A Chaira (@elprogreACHAIRA) August 14, 2022