Xirapaus, enxeño propio do Renacemento

Ero Vázquez e Manu Taboada, de Xirapaus, recrearon un dos autómatas que o cura Domingo Martínez de Presa elaborou en 1645 para o conde de Lemos. A peza poderase ver axiña en Lalín
Manuel Taboada e Ero Vázquez, coa peza que se exhibirá en Lalín. S. IGLESIA
photo_camera Manuel Taboada e Ero Vázquez, coa peza que se exhibirá en Lalín. S. IGLESIA

Unha que toca a pandeireta e outros o tambor; os que serran a madeira e os espadachíns con armadura; o deus Neptuno e os bailaríns; títeres de fío. Son só algúns dos habitantes de madeira aos que deron vida Ero Vázquez e Manu Taboada, artífices de Xirapaus, na súa nova peza de autómatas que viaxa estes días ata Lalín para entrar a formar parte do Museo do Xoguete e da Marioneta, instalacións que o Concello reabrirá proximamente tras varios anos pechadas.

"Que cantas horas lle botamos? Iso non o contamos", din os dous artesáns desde o seu obradoiro de Lea, en Pol, mentres observan o froito do seu traballo: unha máquina de bonecos en movemento que recrea un baile de épocas pasadas, nada menos que do Renacemento.

A idea orixinal atribúeselle a un abade dunha aldea de Ourense, concretamente de San Miguel de Feás, que lle deron por chamar "o cura máis enxeñoso da historia". Non era para menos. A Domingo Martínez de Presa débeselle o primeiro manual de autómatas en España, os mesmos artiluxios que deseñaba para, segundo el mesmo escribiu nas súas páxinas, "huir del ocio vicioso". Corría o ano 1645 cando elaborou un por encargo do conde de Lemos que, en pleno 2022, Xirapaus devolveu á realidade.

Sen planos e só coas escasas descricións que deixou o cura en pouco máis que unha folla, Vázquez e Taboada comezaron a argallar un artiluxio que dentro de pouco verá a luz. "Máis que unha reconstrución é unha interpretación da peza orixinal. Queriamos reproducir o enxeño dese home", aseguran ambos artesáns, pois Martínez de Presa tan só plasmou "os bonecos que había, que facía cada un, que eran de madeira e que había músicos, un home tocando a campá, Neptuno... E pouco máis".

Xirapaus é o único proxecto de Galicia que percorre o territorio con autómatas e estarán do 10 ao 12 de xuño en Vegadeo coas súas pezas

Esa ambigüidade non foi obstáculo e armados con madeira de bidueiro e ferro trataron de aproximarse o máximo posible a aqueles autómatas de hai case 400 anos. "Intentamos ser o máis respectuosos posible cos materiais da época", apunta Manu Taboada sobre os once mecanismos simples que, unidos a un motor, crean "unha máquina" na que "os dous fixemos un pouco de todo" -a talla das figuras dependeu só da man de Ero Vázquez, para que quedaran o máis semellantes posible- e na que contaron coa colaboración de amigos que lles sacaron traballo de enriba, como nas tarefas de pintura ou lixa.

NA PANDEMIA. O runrún de elaborar autómatas, aseguran, viña de hai tempo e a pandemia foi o empurrón definitivo. "Deunos tempo para facer as pezas e unha cousa levou á outra. Comezamos a expoñer en Rianxo, no Titiriberia, onde a asociación Morreu o Demo nos deu ese primeiro impulso", recoñece Taboada. Aínda así, nunca trataran de conectar tantos mecanismos a un tempo, pero o resultado, din, "mereceu a pena".

Xirapaus, que estará con outras creacións súas na Feria de Muestras de Vegadeo do 10 ao 12 de xuño, é o único proxecto que hai en Galicia que expón autómatas polo territorio adiante. "Hai particulares que os fan na súa casa como divertimento, pero non a esta escala", matizan.

Despois de rematar co ciclo Kinetiko, que os levou a viaxar por toda a comunidade e ata Portugal con autómatas cos que se podía xogar, pensan en seguir dando vida ás súas historias a través de bonecos en movemento. Experiencia non lles falta, pois Xirapaus vai da man de Trécola, a compañía de títeres que acaba de cumprir os seus 40 anos sendo capaces de sorprender a nenos e, aínda máis, a maiores.

Comentarios