Entrepinares centrará en Vilalba o 50% da produción total do grupo

O conselleiro de Medio Rural visitou a ampliación da planta no polígono Sete Pontes. A nova factoría, cun investimento de 38 millóns, permitirá duplicar a fabricación
2020011815215987022
photo_camera Visita do conselleiro de Medio Rural á planta de Entrepinares en Vilalba. C.PÉREZ

O conselleiro de Medio Rural, José González, visitou este venres a ampliación da fábrica de Entrepinares no polígono Sete Pontes de Vilalba, na que a empresa láctea acaba de investir 38 millóns de euros. O seu obxectivo é centralizar nela, "dentro de pouco tempo, o 50% da produción do grupo —en 2019 supuxo o 37%—", tal e como avanzou o director xeral da firma, José Manuel García Bejines, quen destacou que para eles "estar en Galicia é unha aposta de futuro".

A nova planta, que González percorreu acompañado por García e por varias autoridades, así como por José Antonio Martín, conselleiro delegado de Entrepinares e un dos catro fillos do fundador da empresa, ten 20.000 metros cadrados de superficie e está construída de forma modular, cunha capacidade inicial de produción de 15.000 toneladas ao ano.

"O 14 de agosto saíu o primeiro queixo da nova fábrica", explicou García Bejines, quen avalou a aposta de Entrepinares por seguir "creando emprego e fixando poboación", xa que a posta en marcha destas instalacións, ademais de permitir duplicar a súa produción, xa supuxo a incorporación de 46 persoas e prevese que sexan aínda máis.

En total, o persoal vilalbés alcanza xa os 216 empregados, 183 en Entrepinares e 33 en Proláctea, a torre de soro que o grupo puxo en marcha en 2018. Localízase xunto á fábrica de queixo, o que permite procesalo "canto antes, mantendo intactas todas as súas propiedades", segundo destacan desde Entrepinares.

José González anunciou 26 millóns en axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios

A nova fábrica de Entrepinares, que se centrará na elaboración de queixo de pasta prensada en barras e bloques, supón un "salto cualitativo do sector en España", ao incorporar tecnoloxías "que só están presentes nas fábricas máis vangardistas no sector quesero", o que permitirá, tal e como precisan na empresa, "duplicar o potencial de produción da compañía" en Vilalba.

Entrepinares asentouse en Vilalba en 2009 e desde entón investiu máis de 109 millóns en diversos proxectos. Varios deles recibiron o apoio da Xunta, tal e como recordou o conselleiro de Medio Rural, que aproveitou a visita á láctea para anunciar unha nova convocatoria de axudas á transformación e comercialización de produtos agrarios dotada con 26 millóns de euros entre 2020 e 2022.

José González avalou o labor de Entrepinares, "unha instalación de referencia", como "transformador de leite galego, porque está a comprar sobre 160 millóns de litros cada ano". Ademais, destacou, faino abonando aos seus 150 gandeiros provedores "un prezo acorde á calidade dese produto adicado á transformación".

O conselleiro subliñou tamén a contribución da empresa a garantir o futuro dun sector lácteo "moi configurado e moi asentado" que produce "o 40% do leite español", o que converte a Galicia en "referente" a nivel nacional e incluso europeo.

Unhas cifras en crecemento
A fábrica de Vilalba produciu 20.320 toneladas de queixo en 2019, cun incremento do 13% con respecto a 2018. A estas súmanse outras 14.262 toneladas de derivados lácteos, o 66% máis que en 2018. En total, a empresa comercializou o pasado ano 69 millóns de quilogramos de queixo e 29 de leite e soro en po. 

Instalacións 
Ademais das instalacións de Vilalba, que inclúen a fábrica inaugurada en 2009, a súa ampliación en 2019 e a torre de soro posta en marcha en 2018, Entrepinares conta con outra planta de tratamento de soro en Castrogonzalo (Zamora) e catro centros de produción: dous en Valladolid, onde Antonio Martín fundou a empresa en 1984, Fuenlabrada (Madrid) e Los Yébenes (Toledo), a súa última incorporación para sumar a denominación de orixe manchega á súa produción. 

Emprego 
O persoal total suma 911 traballadores. 

Produtos 
Entrepinares fabrica en Vilalba queixos untables ou mousse —sen lactosa, suave, lixeiro, salmón, finas herbas, azul ou noces— e en lonchas, entre os que destacan como novidades Gouda e Havarti. Boa parte da produción da empresa comercialízase en Mercadona. 

357 millóns 
É a facturación da firma no ano 2019.

Comentarios