Dous encapuchados entran de madrugada a roubar nun céntrico bar de Vilalba

As cámaras de seguridade gravaron os ladróns, que forzaron a porta e abriron a golpes a máquina comecartos

Dous ladróns entraron a roubar nun céntrico bar da capital chairega na madrugada do mércores ao xoves. Os autores do roubo, dous mozos encapuchados, forzaron a porta do establecemento e unha vez dentro, en cuestión duns poucos segundos e tras darlle tres golpes á máquina comecartos, conseguiron abrila e levar o botín do seu interior, tal e como mostran os vídeos das cámaras de seguridade do propio local de hostalería, que se fixeron públicos. 

O dono do establecemento, que interpuxo a denuncia e entregou todas as imaxes á Garda Civil, mostrouse convencido de que os corpos de seguridade, que están solicitando máis imaxes noutros locais, "farán ben o seu traballo" e conseguirán localizar aos ladróns. 

Os autores do roubo, a maiores da porta, que forzaron cunha marra, non causaron máis danos no interior do local.

Comentarios