Endesa presenta unha folla de ruta con investimentos na central das Pontes

O plan estratéxico da compañía para o período 2018-2021 contempla medidas para rebaixar as emisións

Vista de As Pontes, con la térmica de Endesa. XESÚS PONTE
photo_camera Vista das Pontes, coa térmica de Endesa. XESÚS PONTE

O conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, presentou este mércores o plan estratéxico 2018-2021 da compañía no que se aposta por investimentos para o mantemento da central térmica das Pontes.

No seu plan 2018-2021, Endesa xa confirma que non abordará os investimentos necesarios para adaptar as centrais térmicas de Compostilla (León) e Andorra (Teruel) ao cumprimento dos niveis de emisións establecidos pola Unión Europea, pois as condicións regulatorias e de mercado, tanto actuais como previsibles, fanas inviables, polo que pecharán en 2020. Con todo, na súa nova folla de ruta, Endesa si que inclúe os investimentos necesarios para adaptar a central das Pontes a eses límites de emisións, do mesmo xeito que xa se fixo na de Litoral (Almería). 

Todo iso, despois de que a semana pasada o secretario de Estado de Enerxía, José Domínguez, asegurase que a central das Pontes será unha das que seguirá a partir de 2020, pero prevía que non durase máis aló de 2030. Esta semana, a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, trasladou nunha reunión ao alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, a garantía do Goberno sobre a continuidade da central térmica deste municipio. 

A operación de desmantelamento das dúas plantas de León e Teruel que prevé levar a cabo partir do 30 de xuño de 2020 farase "con pleno respecto dos postos de traballo dos empregados de ambas as centrais, o desenvolvemento de importantes investimentos en enerxías renovables e a procura de alternativas para ambos os emprazamentos".

ELEVADO ESFORZO INVESTIDOR. Por outra banda, Bogas destacou "o elevado esforzo investidor" que realizará a compañía neste período, cuns investimentos entre 2018-2021 de 6.400 millóns de euros, o que supón 1.400 millóns máis que o que se contemplaba no plan anterior. 

Desa cantidade total, 2.000 millóns de euros destinaranse a enerxías renovables, "duplicando así o obxectivo do plan anterior e proporcionándonos un claro factor de aceleración no cumprimento dos nosos obxectivos de descarbonización", engadiu o directivo. 

Ademais, o grupo enerxético destinará outros 1.900 millóns á modernización, automatización e dixitalización das redes de distribución.

APOSTA POLAS NUCLEARES. Así mesmo, apostou por manter a operación das centrais nucleares "a longo prazo, en adecuadas condicións de rendibilidade e asegurando sempre que estas instalacións cumpran os máis elevados estándares de seguridade establecidos na regulación nacional e internacional". 

Nunha conferencia con analistas para presentar o plan estratéxico 2018-2021 de Endesa, Bogas volveu defender alargar a vida útil das nucleares máis aló dos 40 anos para garantir a transición enerxética a 2050, xa que "non hai outra alternativa" e garante a seguridade de subministración, un prezo competitivo da electricidade e axuda no cumprimento dos obxectivos de emisións. 

Na súa presentación do plan estratéxico remitida á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), Endesa sinala que prevé un crecemento da demanda de electricidade no sistema peninsular español de máis do 28% desde 2017 a 2030, ata os 325 teravatios hora (TWh), cun incremento da demanda punta desde os 41 gigavatios (GW) ata os 49 GW. 

Neste escenario a 2030, onde considera que a marxe de reserva situarase no 1,1, fronte ao 1,35 de 2017, a enerxética cre que a capacidade instalada das renovables case se triplicará nos próximos 13 anos, desde os 31 GW ata os 86 GW. 

Así, considera que a 2030 deberanse manter no mix español os 7 GW existentes de nuclear, mentres que tamén será necesaria a permanencia da xeración térmica máis aló de 2020; xa que pola contra o sistema requirirá uns 11 GW de nova capacidade de respaldo de 2025 a 2030. 

Comentarios