O emprego centra a mesa pontesa á espera do test de biocombustibles

Endesa prevé realizar as probas a finais de xullo e as partes reuniranse en setembro para tratar os resultados. A situación dos transportistas abordarase a próxima semana
Central térmica de Endesa en As Pontes. EP
photo_camera Central térmica de Endesa nas Pontes. EP

A preocupación por garantir o emprego nas Pontes centrou este luns a reunión telemática da Mesa de Transición Enerxética que aborda o futuro da central térmica de Endesa. Coa vista posta nos resultados das probas con biocombustibles, todas as partes implicadas quedaron emprazadas a unha nova cita en setembro, unha vez que se coñezan os resultados do test.

"Esperemos que os resultados sexan favorables e podamos falar dun novo proxecto de xeración eléctrica", avanzou a concelleira de industria pontesa, Ana Pena -asistiron o alcalde, Valentín González Formoso, e ela-, que valorou os avances da reunión, na que desde o Ministerio para a Transición Ecolóxica trasladouse o compromiso de sacar a concurso os nós de evacuación -As Pontes ten 1.400 megawatts-, tendo en conta nas ofertas a creación de emprego na zona e tamén a aposta por novos proxectos enerxéticos de futuro, como o do hidróxeno. Recordouse ademais que As Pontes pode concorrer á liña de sete millóns de euros da Fundación Cidade da Enerxía.

Endesa manifestou a súa disposición a manter a actividade e a retirar a solicitude de peche da térmica se as probas resultan viables técnica, económica e ambientalmente

O conselleiro de Industria, Francisco Conde, defendeu a necesidade da unión entre administracións para que Endesa manteña o emprego e ofreza altenativas á central, á vez que lamentou a falta de avances e solucións desde a última reunión e defendeu a necesidade de coñecer os resultados das probas con biocombustibles, fixadas en principio para a segunda quincena de xullo, sempre que a desulfuradora estea a punto e Endesa dispoña de oco "térmico" para producir.

Endesa manifestou a súa disposición a manter a actividade e a retirar a solicitude de peche da térmica se as probas resultan viables técnica, económica e ambientalmente. Reiterou tamén o seu compromiso co emprego a través do Plan Futur-E, que garante o emprego do 100% do persoal e para o resto ofrece opcións formativas para mellorar a súa capacitación de face a traballar no desmantelamento da planta -de chegar a consumarse, xeraría uns 150 empregos en catro anos- ou en novas alternativas renovables. Isto é o que está a facer Endesa en Compostilla, explican, onde os cursos acaban de iniciarse e no concurso para desmantelar a térmica puntúase a oferta de emprego local.

Desde os sindicatos prefiren mostrarse cautos ante os compromisos de Endesa. Así, a CIG puntualiza que, aínda que se clarificaron partes do proxecto, seguen existindo discrepancias cos afectados das auxiliares, xa que mentres Endesa contabiliza pouco máis dun centenar, eles suman uns 170, incluíndo o porto exterior de Ferrol.

O presidente da Asociación de Transportistas do Carbón, Manuel Bouza, recordou que son parte "imprescindible" do armazón da térmica

Desde UXT tamén falan de sensacións "agridoces" tras a reunión. Defenden a viabilidade dos biocombustibles, pero cren que falta "implicación real" por parte de Endesa para apostar por eles. Pola súa banda, CC.OO. lamenta a falta de avances na mesa, na que demandaron a creación de dúas submesas, unha para abordar a problemática das empresas auxiliares, ao estimar que resolver a súa situación non pode demorarse ata setembro, e outra para os transportistas.

FINANCIACIÓN. Na procura de solucións para os camioneiros do carbón si se concretou a convocatoria dun encontro a próxima semana entre as tres administracións e os afectados para "buscar unha solución urxente á falta de financiamento", segundo avanzou Ana Pena.

O presidente da Asociación de Transportistas do Carbón, Manuel Bouza, recordou que son parte "imprescindible" do armazón da térmica. A pesar de que o seu contrato segue en activo, son "máis de 100 vehículos vos que están sen traballar", di, precisando que no último ano o seu labor foi testemuñal, transportando unhas 100.000 toneladas en total, cando antes movían entre 20.000 e 25.000 diarias.

Comentarios