O circuíto de karts da Pastoriza empeza a rodar tras a pandemia

O circuíto de karts da Pastoriza recupera a actividade pero con cifras inferiores a outros anos Empresas e administracións cancelaron cursos de formación pero crecen os adestramentos
Participantes en el último curso de formación organizado este mes. EP
photo_camera Participantes no último curso de formación organizado este mes. EP

Aos poucos os motores volven ruxir no circuíto de karts de A Pastoriza. Tras meses completamente parado, debido á pandemia, as instalacións chairegas volven recuperar a actividade pero con cifras moi inferiores ás habituais.

"Empezamos en maio con algún aluguer da pista e no mes de xullo cos cursos de formación e fixéronse varias carreiras, unha de kárting e outra de motos, con toda a normativa que se esixe e a prudencia necesaria. Non estamos ao 100%, pero imos facendo como se pode", di Antonio Solórzano, o responsable de PTC, a escola que xestiona o circuíto pastoricense.

"Agora case non hai competicións e iso nótase. A xente ten ganas de rodar cos seus vehículos e notamos máis afluencia. Non son grandes cifras, pero hai máis do habitual e iso en momentos como este nos axuda", di Antonio Solórzano.

O groso das actividades e un dos motivos que atrae a máis xente ao circuíto, ademais da competición, é a formación e iso complicouse co coronavirus. Calculan que nun ano normal pasan polas instalacións pastoricenses ao redor de 1.000 persoas para mellorar a súa condución e, seguindo o patrón ata agora, a cifra este ano non superaría as 300, segundo estiman desde o circuíto.

"As empresas e as administracións, que son as que contratan o maior número de cursos de formación, anularon todo. Din que están a potenciar o teletrabajo e que non ten sentido organizar cursos presenciais nestas circunstancias", indica o responsable de PTC, que explica que, polo momento, os cursos que se fixeron foron con particulares e grupos reducidos.

"Pomos de tope 16 persoas por curso e cambiou a forma de organizalos. A teórica faise de forma online e só é presencial a práctica, que se fai polas mañás", indica.

Tamén fala doutros cambios: "Reducimos o número de alumnos por vehículo e non rotan. Antes pasaban por catro coches diferentes, agora só están nun e se desinfecta logo de cada alumno". Ademais, todos os asistentes deben utilizar a máscara en todo momento.

"Hai que facer moito máis traballo para cumprir todas as medidas, pero o importante é que todo sexa seguro", di Solórzano, que mira ao futuro con incerteza "".

FUTURO. "A administración parece que vai retomar a formación en setembro pero todo depende de como evolucione todo. A xente ten medo e os responsables de recursos humanos non se queren arriscar", valora o responsable de PTC, consciente de que as cifras non son moi esperanzadoras e que outro peche tería consecuencias.

"Este ano imos dar perdas seguro, hai moito máis gasto que ingreso, pero son o primeiro interesado en que isto funcione. Temos cousas programadas e haberá que ver ata onde somos capaces de aguantar", di Solórzano, que indica que en PTC traballan actualmente seis persoas mentres destaca a boa colaboración por parte do Concello da Pastoriza, co que teñen un convenio para realizar cursos de formación gratuítos cos veciños do municipio.

Comentarios