Un empate técnico entre PSOE e PP deixaría a Vilalba Aberta como peza crave para gobernar

Socialistas e populares, que sumarían entre 7 e 8 concelleiros, non chegarían á maioría â?? A formación asemblearia, que apoiou a Veleiro na investidura, podería gañar un edil
Encuesta de Infortécnica2.
photo_camera Enquisa de Infortécnica.

O goberno da capital chairega estaría no aire se se celebrasen agora mesmas eleccións municipais, segundo os resultados da enquisa elaborada por strong <>Infortécnica para O Progreso, nos que dan case un empate técnico entre o PSOE e o PP -con entre sete e oito concelleiros os dous- e deixan a Vilalba Aberta -con entre dous e tres edís- como a peza crave para gobernar.

Esta sondaxe, que solicitou datos a mediados deste mes entre o electorado da capital chairega por vía telefónica, mostra unha lixeira vantaxe entre o bloque de esquerdas, tal e como xa ocorreu no ano 2019, cando os socialistas deron a sorpresa e fixéronse coa alcaldía, logo de 40 anos con maiorías absolutas encadeadas do Partido Popular no feudo do seu fundador, Manuel Fraga Iribarne, e grazas ao apoio de Vilalba Aberta nunha histórica investidura.

Pero o escenario, apenas dous anos despois, é moi distinto. Non polos datos en si da enquisa, que deixan aberta a posibilidade dun novo goberno bipartito de esquerdas, senón máis ben polo difícil entendemento que hai agora entre as dúas formacións.

O PSOE, que nas últimas eleccións municipais logrou o 43,45% dos votos -fronte ao 38,88% dos populares-, sumou ao redor de 600 apoios máis que en 2015 e quedou a un paso da maioría absoluta, podería manter os oito edís actuais, ou no peor dos casos, perder un.

Estes resultados poderían variar de xeito significativo, xa que hai unha terceira parte do censo que non ten decidido aínda a quen daría o seu voto

Vilalba Aberta, que durante un tempo estivo no goberno -o bipartito rompeu en xuño de 2020 e deixou ao PSOE en minoría, á espera de acordos puntuais que non chegan-, podería mellorar os seus apoios de 2019 sumando un concelleiro máis aos que ten agora e chegar incluso ata os tres, converténdose no mellor resultado da formación desde a súa chegada á corporación municipal.

No caso do Partido Popular, este igualaría os sete edís cos que conta actualmente ou podería chegar a gañar un máis, xa que segundo as respostas dos enquisados na sondaxe realizada hai uns días volvería ser o partido máis votado na capital chairega.

Pero isto non sería suficiente, xa que nin os socialistas nin tampouco os populares cun maior respaldo do electorado chegarían a alcanzar a maioría absoluta que marcan os nove concelleiros, polo que tocaríalles negociar con Vilalba Aberta -a uns e a outros, en vista do panorama actual tras a ruptura do pacto- e buscar posibles acordos non só para facerse co bastón de mando, senón tamén para gobernar con certa estabilidade para os vilalbeses.

INDECISOS. Estes resultados, que teñen unha marxe de erro sobre o total da mostra dun 8,9%, segundo confirman desde Infortécnica, poderían variar de xeito significativo, xa que hai unha terceira parte do censo -concretamente un 37,3% dos enquisados- que non ten decidido aínda a quen daría o seu voto.

O BNG, que non conseguiu representación nas últimas votacións, tampouco o lograría ante unhas hipotéticas eleccións agora

Ademais, ao redor dun 18%, sinalou nesta sondaxe que absteríase ou votaría en branco se hoxe convocásense eleccións municipais, xusto cando se cumpren dous anos da toma de posesión dos 17 concelleiros que integran o actual pleno do Concello de Vilalba.

O BNG, que non conseguiu representación nas últimas votacións, tampouco o lograría ante unhas hipotéticas eleccións agora, xa que só obtería o 3,2% dos votos, segundo os datos desta enquisa.

Así, a configuración do pleno vilalbés manteríase cun total de tres grupos políticos, os mesmos cos que conta actualmente, e cun menos que en 2015, un ano no que os nacionalistas si lograron representación e Vilalba Aberta irrompeu na corporación.

Esta formación asemblearia tería outra vez a chave do goberno na capital chairega no caso de que nin o PSOE nin o PP logren os apoios suficientes para alcanzar esa ansiada maioría absoluta, un obxectivo polo que traballarán ata 2023.

Comentarios