A emoción domina o acto de entrega de premios do certame de Caldaloba

O rexedor cospeités descubriu un cadro en memoria de Moisés Paz no local social de Pino
2019121620485934672
photo_camera Foto de familia de premiados, membros do xurado e organizadores. S.IGLESIA

A entrega de premios do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, celebrado onte no local social de Pino e enmarcado nas actividades do programa de Nadal do Concello, estivo protagonizado pola emoción e a ausencia de Moisés Paz, presidente da asociación de veciños da parroquia cospeitesa durante máis de dez anos que faleceu o pasado mes de outubro.

O alcalde de Cospeito, Armando Castosa, foi o encargado de descubrir o cadro que ilustra a Paz,"merecedor dunha homenaxe así como veciño que se esforzou pola súa parroquia", afirmaba Castosa, e concordaba coas palabras da representante da entidade, Inés Lozano, a cal tildou ao seu antecesor como "a persoa que me ensinou a querer esta asociación".

Así daba inicio a segunda edición dun certame que naceu do encontro "no espazo e no tempo" entre o colectivo de Pino, Culturalia GZ e o Concello, co que se pretendía "impulsar a posta en valor e restauración da Torre de Caldaloba, ademais de estimular a creación poética", apuntaba o rexedor, quen ao mesmo tempo se "congratulaba pola cantidade e calidade das obras recibidas".

Xurxo Alonso e Mariña Maceiras gañaban en cadansúa categoría, seguidos por Iria Collazo e Sandra Rodríguez respectivamente

Dese xeito, Castosa facía entrega do primeiro premio entre os adultos -dotado con 1.500 euros e a publicación do libro- ao vilagarcián Xurxo Alonso por Hora de penumbra, quen agradecía a "existencia de certames coma este" para logo recitar uns versos do seu poemario. Martiño Maseda, membro do xurado e da organización, facía o propio e entregaba a prata á moañesa Iria Collazo por De casa queimada, quen entoou as verbas do poema Lolita, adicado ao seu avó.

Na categoría de menores de 18 anos proclamábase vencedora Mariña Maceiras, de Pontevedra, por Unha fraga de laios, e Inés Lozano era a encargada de entregarlle un lote de libros e unha tablet, mentres que a monfortina Sandra Rodríguez recollía un lote de libros e un libro electrónico das mans de Ana Mar Fraga por E sigo pensando en ti.

O alcalde pechou o acto pronunciando un extracto da obra de Sandra Rodríguez "como se fora o propio certame quen falara". E se o certame puidera falar dirialle aos presentes: "Sodes a luz na poesía dos meus ollos/ aire, na respiración dos meus días".

Comentarios