Emerxencias para escolares en Vilalba

Un grupo de 40 alumnos de segundo de primaria do Ceip Mato Vizoso estreou no parque comarcal de bombeiros de Vilalba un novo programa que busca darlle visibilidade ao servizo
Escolares do Mato Vizoso. C. PÉREZ
photo_camera Escolares do Mato Vizoso. C. PÉREZ

"Se hai unha emerxencia, un incendio, un accidente, a quen chamamos?", preguntaba en varias ocasións un dos bombeiros do parque comarcal de Vilalba. "Ao 112!", respondían ao unísono os ao redor de 40 escolares de segundo de primaria do Ceip Mato Vizoso da capital chairega.

Resposta correcta e primeiro obxectivo cumplido dos varios que persegue o novo programa divulgativo posto en marcha polo Consorcio Provincial de Bombeiros para darlle visibilidade a este servizo, que se estreaba onte coa visita dos escolares vilalbeses ás instalacións do polígono Sete Pontes da capital chairega.

"Esta é unha profesión que aos pequenos lles adoita encantar", explicou o presidente da Deputación e do Consorcio, José Tomé, no parque vilalbés, sumándose ás actividades desenvolvidas polos escolares nesta iniciativa "didáctica na que poden participar e interactuar, subir aos camións..."

"Esta tamén é unha boa oportunidade para dar a coñecer á sociedade, a través dos máis pequenos, o que fai este servizo de bombeiros" precisou tamén o responsable provincial, acompañado da xerente do consorcio, Marta Rouco, e da alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, xunto ás que lles fixo entrega aos escolares dun casco e dun carné de voluntario que os acredita como minibombeiros polos coñecementos adquiridos.

As xornadas divulgativas desenvolveranse en todos os parques de consorcio e para o 16 de abril xa hai unha fixada no de Viveiro

E é que, ademais de pasalo ben, os nenos e nenas recibiron explicacións sobre o tipo de vehículos e de equipos que se usan no parque de bombeiros para as emerxencias, sobre como actuar en caso de incendio -hai só uns días, producíase un no seu colexio-, ou como se traslada en padiola un ferido, ademais de testar en primeira persoa o funcionamento das mangueiras.

Esta proposta lúdica e divulgativa para escolares estenderase ao resto dos parques do Consorcio Provincial de Lugo, impulsado pola Xunta e a Deputación. Así, o 16 de abril xa está prevista unha xornada no de Viveiro co alumnado do Ceip de Celeiro.

Comentarios