Un edificio en ruínas obriga ao Concello vilalbés a cortar unha rúa

A Rúa Costa da Roxeira pechará ao tráfico o día 5 e Alférez López cambiará de sentido
2019080116502071060
photo_camera Edificio en ruínas da Rúa Costa da Roxeira. C. PÉREZ

O Concello de Vilalba decidiu cortar ao tráfico a Rúa Costa da Roxeira polo perigo que supón o estado ruinoso dun edificio localizado nesta vía do centro histórico. O goberno local valará o inmoble, o que, dada a estreiteza da rúa, imposibilitará o paso de vehículos.

A medida farase efectiva o vindeiro luns, día 5 de agosto, e suporá tamén un cambio no sentido de circulación da Rúa Alférez López -agora de entrada desde a Rúa Conde Pallares-, para garantir unha saída aos vehículos que accedan á Praza Coronel Pena -a Roxeira une este espazo con Conde Pallares-. O peche ao tráfico non afectará aos peóns -a rúa forma parte do trazado urbano do Camiño de Santiago-, que poderán seguir circulando pola vía no corredor que quedará habilitado.

O concelleiro de espazos cidadáns, Rodrigo Pavón, explicou que o goberno local ha tomado esta decisión "por seguridade", ante o "grave risco de desprendementos" que presenta o inmoble, do que só se conservan as súas paredes exteriores. Tras requirir en varias ocasións aos titulares do inmoble que tomasen medidas, e ante a falta de actuación dos mesmos, o Concello iniciou un proceso por vía executiva, amparado polos informes dos servizos municipais de urbanismo e da Policía Local.

"Procederemos a acometer as actuacións necesarias para asegurar a edificación de non facelo os propietarios, repercutindo os gastos ocasionados aos mesmos", precisa o edil vilalbés, que aclara non se prevé derrubar o edificio, senón apontoalo para conservar a súa fachada. Ademais, limparase e habilitaranse canalizacións para garantir o desaugadoiro.

Pavón avanzou que hai outros inmobles ou solares "totalmente abandonados" cuxos casos están a estudar, sen descartar tomar medidas, por ser "un perigo".

Comentarios