O recuncho de Amadita Yebra

As encastras: edén infantil nun símbolo da Chaira

Aferradas ao chan dende as alturas de Castro de Rei, convertéronse durante décadas no lugar de xogos de moitos nenos
Encastras, Castro de Rei (6)
photo_camera Encastras, de Castro de Rei. C. ARIAS

Escondidas da mirada do visitante tras a antiga muralla de Castro de Rei, as encastras da feira manteñen o pasado vivo en cada pedra. Aférranse ao chan como Amadita Yebra, un deses piares imprescindibles que fan comunidade. Foi vogal de Cáritas –traspasouse a Muimenta– e está na directiva da asociación de mulleres rurais A Xuntanza e na do grupo de teatro Os Baluros. Foi "secretaria" dese cura mago, Xosé Manuel Carballo, que antes de todo era un dinamizador nato, e é, dende a súa Librería Maduca, que abriu hai case 20 anos, o centro de todo.

Encastras, Castro de Rei (1)
Muralla de Castro de Rei. C. ARIAS

"Aquí vén todo o mundo porque hai un pouco de todo", di rodeada de revistas, bolígrafos, gominolas, tabaco, la ou quinielas. "É como os negocios de antes", resume, mentres viaxa ao pasado. 

Vive a poucos pasos da librería, onde aínda segue en pé o bar Modesto. "Abrírono meus pais no ano 1975 e tíveno un tempo ao meu nome, antes de abrir este negocio. Agora aínda o segue traballando miña nai", di. A escasos centímetros dese bar está un deses recunchos que marcan unha vida porque é o lugar de xogos da infancia

"Nas encastras, ou pendellos da feira, que tamén lles chamamos así, eu xa non recordo feira. Cando viñemos para aquí, e eu tiña nove anos, non se facía nada. Pero meus pais recordábana, claro. Eran os postos das mulleres. Poñíanse alí e vendían coellos, ovos, pitos...", di Amadita. 

"Antes non estaba aberto. Só había unha barra enorme e para entrar tiñan que saltar, o acceso con escaleiras para pasar fíxose despois cunha reforma", detalla.

Esa xigantesca barra, agora en desuso, foi para ela o seu negocio en prácticas, cando aínda non sabía que décadas despois abriría o seu propio case en fronte. 

"Xogabamos ás tienditas e dentro o electricista tiña gardada unha escaleira moi grande de madeira que, tombada, utilizabamos de balancín. Xuntabámonos moitos sempre alí. Estaba ao lado da casa e aí xogabamos a todo ou simplemente nos sentababamos a charlar", di, e volve verse de nena xogando á pelota, á goma, á corda, ao escondite, arroupados polas árbores que xa non están, e pasea en bicicleta mentres se sobe á barra nos seus recordos para ver o río dende as alturas.

Localización: intramuros

Encastras, Castro de Rei (9)
Interior das encastras. C. ARIAS

As encastras da antiga feira de Castro de Rei sitúanse intramuros, na Rúa Amigos da Feira, paralela á Rúa Crecente Vega (LU-P-1106) que dá acceso ao núcleo do concello chairego.

Curiosidades: conxunto histórico

No século XVI foi construído un castelo en Castro de Rei. Estivo rodeado de murallas e conservouse en pé ata 1941, ano no que desapareceu debido ao paso do tempo e a un forte vendaval. Hoxe quedan restos das antigas defensas do castro e da fortaleza. Con data do 4 de febreiro de 1971 o núcleo municipal foi declarado conxunto histórico e paraxe pintoresco e en 2016 o Concello recuperou o escudo. 

Ruta entre letras 

Por alí pasa a Ruta da Escrita. A poucos pasos das encastras hai un poema de Darío Xohán Cabana.

Encastras, Castro de Rei (10)
Ruta da Escrita, Castro de Rei. C. ARIAS

Comentarios