A CHAIRA, 15 ANOS: INFRAESTRUTURAS

Dúas agardadas autovías para vertebrar o territorio

A posta en marcha da Transcantábrica e da AG-64 mellorou as comunicacións, pero o tren segue a ser a dédeba pendente
2014 ▶ Abre o centro de viabilidade invernal de Cabreiros na AG-64. AEP
photo_camera 2014 ▶ Abre o centro de viabilidade invernal de Cabreiros na AG-64. AEP
Ollo ao dato
O párroco Luis Ángel Rodríguez Patiño oficiou varias misas para pedir o arranxo de vías. As máis sonadas foron as tres da Momán-As Pontes, en 2016 e 2019, pero tamén rezou pola mellora da LU-170 nun cruce entre Labrada, Cambás e Xestoso.
Aquel día
O 26 de xullo de 2014 producíase na A-8, por mor da néboa, unha colisión múltiple con ducias de vehículos, numerosos feridos e unha persoa falecida. O tramo do Fiouco non levaba nin seis meses aberto.
Escrito en pedra
O edificio do Portazgo de Guitiriz, asociado ao cobro de peaxes no Camiño Real Madrid-A Coruña, conserva a inscrición ‘Puerta de Maria Ysabel II’. A tradición di que alí durmiu a raíña, como recolle o PXOM aprobado en 2020. A historia di que se homenaxeou á familia real ao pasar pola vila en 1858, segundo lembra Anxo Felpeto.

Ninguén pode negar a situación estratéxica das comarcas de Terra Chá e de Meira. Están aí, no medio, coma portas abertas á Mariña luguesa polo norte e á capital provincial e á Ribeira Sacra polo sur. Ao leste, só uns quilómetros separan Ribeira de Piquín de Asturias e ao oeste, Guitiriz sempre soubo fixar sinerxias coa veciña provincia da Coruña, coa que comparte boa parte da súa fronteira. E a suma da babeliana As Pontes a esta particular Chaira abre outra porta, esta directa cara a Ferrolterra. Porén, esta vantaxosa situación non foi secundada coas vías de comunicación que se podería pensar, e houbo que esperar a ben entrado o século XXI para ter algo máis que unha autovía solitaria.

Historicamente falando, nin é vella a A-6, a versión moderna da sexta das radiais nacionais xurdidas da rede de camiños fixada por Carlos III en 1761 para unir Madrid co resto de España e favorecer o comercio interterritorial. A apertura dos tramos chairegos data de 1996 e de 1997. Tería que pasar unha década para que se fixesen realidade outros dous proxectos vertebradores, a A-8 —o trazado chairego, que custou máis de 200 millóns e ten uns 44 quilómetros, púxose en marcha entre 2007 e 2014— e a AG-64 —ten 30 quilómetros de Espiñaredo a Vilalba, abertos entre 2007 e 2010, cun investimento superior aos 100 millóns—. 

O primeiro número da Chaira abordaba a unión de ambas infraestruturas: «El enlace entre autovías en Vilalba será de los más grandes de Galicia», rezaba o titular da portaba do 30 de maio de 2006, que falaba dunha rotonda de 150 metros de diámetro que sería «el corazón del nudo de comunicaciones». E éo, pero tamén é un lugar onde hai sinistros con regularidade, polo que as reivindicacións para que se incremente a seguridade son unha constante dende a súa apertura en 2006.

Tampouco estiveron, nin están, exentos de polémica os proxectos das autovías. A A-8 xa xeraba suspicacias polos seu deseño moito antes de ser noticia por ter que pechar un tramo —do punto quilométrico 536 (Lourenzá) ao 552 (Abadín)— polos efectos non dunha inclemencia meteorolóxica, senón de dúas: o vento —se cadra o circular á altura das aspas dos eólicos tiña que ter dado algunha pista— e a néboa —se se atendese á sabedoría veciñal non farían falta innovadores proxectos millonarios para gañar visibilidade—. 

Aínda que na Chaira se recibise como auga de maio o seu trazado, que atravesa Abadín e Vilalba e culmina dende 2008 nun macroenlace coa A-6 en Baamonde, houbo voces que cuestionaron que a Transcantábrica se afastase desa costa que lle dá nome e se desviase cara a capital chairega, en lugar de continuar cara a Ferrol. E tamén houbo quen viu o deseño da AG-64, entre a cidade departamental e Vilalba, coma a maneira de compensar aquela decisión.

Sexa como fose, e malia aos debates desta sobre con que fondos se debía financiar, a polémica pola destrución dun círculo lítico ou os problemas cos noiros ponteses, o certo é que ambas estradas son pezas clave para facilitar a entrada e saída de xente, o que favorece a dinamización social e económica. Por algo levan anos os empresarios do polígono vilalbés a reclamar un enlace directo coa A-8.

OUTRAS VÍAS. Fóra das grandes vías, e co temor a que haxa que pagar por circular por elas, quedan o resto dos camiños. E son moitos. Coma as nacionais 634, que atravesa Abadín, Vilalba, Begonte e Guitiriz —onde se fusiona coa N-6—, eternamente necesitada dunha mellora que non chega; a 640, que pasa por Meira, A Pastoriza, Pol e Castro de Rei, e que por fin se acondicionou no tramo Paraxes-Lugo, aínda que segue pendente a ampliación da ponte meirega.

Tamén están as vías autonómicas, moitas delas melloradas nestes 15 anos, mais coa promesa do arranxo do tramo Momán-Cabreiros da LU-170 aínda por cumprir; e as provinciais, onde parece que alguén oíu as pregarias para que se amañase a Momán-As Pontes. E niso está: van uns oito quilómetros, faltan ao redor de tres. 

Mais se hai un eterno quebracabezas para veciños e corporacións, ese son as vías locais. Quén non lembra ao exalcalde vialbés Gerardo Criado aludindo aos 2.000 quilómetros de pistas do segundo concello máis extenso de Galicia? Pois así, en todos os municipios, porque non hai un alcalde ou alcaldesa ao que non lle reclamen que tape este ou aquel bache.

A mellora das redes de abastecemento e de saneamento, dos alumeados ou de espazos e inmobles comunitarios son unha constante nos orzamentos municipais, co sempre necesario apoio de fondos doutras adminitracións: Plan E (2009 e 2010), liñas de axudas da Xunta, obradoiros, plan único...

O que non parece ser unha prioridade para ninguén é a mellora das infraestruturas ferroviarias. Hai tempo que o tren, máis ca un recurso, é un problema. En Guitiriz suprimíronse os pasos a nivel coa construción dun paso elevado, operativo dende 2015 e que non convence a ninguén. En Parga levan anos loitando por unha variante que saque a vía do pobo e rexeitando propostas de Adif que conlevan a división da vila en dúas. E mentres, as estacións esmorecen, e só se albisca algo de vida na de Guitiriz, non polos viaxeiros, senón porque esta se aluga como vivenda.

Protagonista
imgDataCarlos Folgueira. O Rei das Tartas inauguraba en decembro de 2019, logo de anos de espera, a primeira área de servizo —ten gasolineira, tenda e restaurante— da A-8 en terras chairegas, concretamente, ao pé do acceso á autovía da Xesta, en Abadín. Hai outra proxectada en Vilalba, pero non se deron pasos polo momento para facela realidade. Pola súa banda, na AG-64 non existe ningún establecemento de hostelería no trazado da autovía, aínda que si hai áreas de descanso. E na A-6, a área de servizo de Guitiriz é punto obrigado de parada para moitos viaxeiros, e mesmo veciños,dende a súa apertura en 2004.

Comentarios