A Deputación mellora un viario e a traída de auga en Enfermería

O ente provincial destina preto de 50.000 euros a estas actuacións no barrio meirego, onde viven máis de 60 veciños

Visita de Darío Campos a Enfermería. EP
photo_camera Visita de Darío Campos a Enfermería. EP

A Deputación Provincial de Lugo destinou preto de 50.000 euros á realización de melloras urbanísticas e de servizos que benefician aos máis de 60 veciños que residen no barrio meirego de Enfermería, onde se renovou unha rúa e se acondicionou a rede de abastecemento de auga.

O presidente da Deputación, Darío Campos, e o alcalde de Meira, Antonio de Dios, supervisaron os traballos de reparación da estrada provincial LU-P-3003, de Meira por Leiras á N-640, que contan cun investimento de máis de 20.000 euros. A intervención supón a mellora dun tramo de preto dun quilómetro de viario, que conecta o barrio de Enfermería polo núcleo meirego e coa estrada que dá acceso ao Pedregal de Irimia.

Os traballos realizados consistiron na limpeza de cunetas, a rehabilitación do firme con aglomerado en quente e a renovación da sinalización vertical e horizontal co fin de incrementar a seguridade viaria.

Este proxecto únese a outras melloras realizadas tamén polo entre provincial no barrio de Enfermería, onde se destinaron uns 27.000 euros á reparación da traída de auga potable, coa reposición de tubos e válvulas, para solucionar os problemas de cortes de auga provocados pola seca ou as fugas na antiga rede.

Campos Conde explicou ademais que tamén se renovou a iluminación pública instalando luces led de baixo consumo.

Comentarios